Traballadores de Meirama e auxiliares pasarán a noite pechados no Concello de Ordes

Mostran a súa oposición ao peche anunciado por Naturgy e demandan de Feijóo unha comisión para defender "unha posición galega conxunta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Representantes dos comités da central térmica de Meirama e das empresas auxiliares iniciaron na mañá deste xoves un peche no Concello de Ordes (A Coruña) para manifestar a súa oposición á decisión de Naturgy de pechar a factoría e demandar do presidente da Xunta a creación dunha comisión para defender en Madrid "unha posición galega conxunta".

Peche do comité de Meirama en Ordes. REMITIDA
Peche do comité de Meirama en Ordes. REMITIDA | Fonte: Europa Press

Unha ducia de persoas pasarán a noite encerrados no Consistorio, coa esixencia sobre a mesa de ser recibidos polo conselleiro de Economía e Industria para abordar a actual situación. O presidente do comité, Bautista Veiga, denunciou en rolda de prensa a decisión de Naturgy de non investir en Meirama e "condenar" así á central a partir de xuño de 2020.

"Entendemos que estamos nun centro que é rendible, que está a producir actualmente, porque a pesar de agora mesmo non estar a cobrar nin por dispoñibilidade, nin por capacidade, e de subir a tonelada de dióxido de carbono, Meirama segue funcionando e este ano imos pasar do 50% da súa capacidade produtiva", expuxo.

Por iso, insistiu en que é un centro "absolutamente produtivo e o único que lle vai a impedir facelo é o non investimento nas súas dúas plantas de captación de contaminantes".

ALTERNATIVAS

Veiga demandou tamén da compañía que explique que tecnoloxías vai instalar para que se manteñan todos os postos de traballo, tanto da principal como das auxiliares. "Polo que se nos dixo ata agora, non hai garantía de ningún tipo de que eses postos de traballo se manteñan", advertiu. Fronte a isto, asegurou que este é "un enclave produtivo que non debería perder Galicia".

COMISIÓN

En representación dos comités, o presidente do de Meirama demandou do presidente da Xunta que "lidere unha gran comisión que se faga en Galicia coa presenza das organizacións políticas con representación parlamentaria, dos sindicatos representativos, dos colectivos afectados e do comité". O obxectivo é "buscar unha posición común e con ela ir a Madrid a pelexar co ministerio", ao entender que o carbón "ten sitio nesta transición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta