Ortigueira preséntase en Fitur como a "capital" da cultura celta

O concello acollerá a 41ª edición do Festival do Mundo Celta entre os días 11 e 14 de xullo, nun evento que no que participarán as oito nacións que beben desta tradición. Leilía, Tanxugueiras ou a Banda de Gaitas de Ortigueira serán algúns dos artistas galegos convidados, xunto con outros estranxeiros como os bretóns Gwendal ou os escoceses Flook.

Por E.P. | MADRID | 25/01/2019 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O concello coruñés de Ortigueira acollerá entre os días 11 e 14 de xullo a edición número 41 do seu Festival do Mundo Celta, un espectáculo que reúne a "oito nacións nunha cultura".

Presentación en Fitur do Festival do Mundo Celta de Ortigueira. FESTIVAL DE ORTIGUEIRA
Presentación en Fitur do Festival do Mundo Celta de Ortigueira. FESTIVAL DE ORTIGUEIRA | Fonte: Europa Press

O coordinador do festival, Alberto Balboa, en compañía do alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou este venres a cita no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur.

Durante o acto, Nava Castro reivindicou este festival como un dos principais elementos que pon en valor a cultura galega. "Resulta imposible entender a historia dos galegos sen tomar como fonte de inspiración relacións entre os pobos con pasado celta", explicou a directora de Turismo, que eloxiou unha cita que "enriquece Galicia e enriquece a quen a visitan".

Do mesmo xeito, o alcalde da localidade asegurou que Ortigueira se converterá en xullo, un ano máis, na "capital mundial da cultura celta", cunha celebración que este ano aposta pola mirada a Europa, a igualdade entre homes e mulleres e o aproveitamento e promoción dos recursos propios.

Tanto o cartel desta edición como as pezas audiovisuais de promoción están baseadas nos nexos culturais comúns, especialmente a música, das oito nacións celtas: Galicia, Asturias, Escocia, Irlanda, Bretaña, Gales, Cornualles e a Illa de Man.  De feito, o lema desta edición será, precisamente, 'Oito nacións, unha cultura' e no festival haberá representación das oito rexións con este substrato cultural.

Na programación deste ano, adiantou Alberto Balboa, estarán nomes como os bretóns Gwendal, os irlandeses Moving Hearts e Shooglenifty e os escoceses Flook. Tamén participará a Escola de Gaitas de Ortigueira, fundadora da cita, xunto aos galegos Anxo Lorenzo, Tanxugueiras, O Fiadeiro e Leilía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta