Homenaxe en Narón ás vítimas do holocausto perpetrado pola Alemaña nazi

Desde o concello destacan que con estes actos buscan que feitos históricos como este non queden no esquecemento e garantan que non se repitan.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O Concello de Narón (A Coruña) foi unha das localidades nas que se rendeu este venres unha homenaxe póstuma ás vítimas do xenocidio que tivo lugar en Europa baixo o réxime da Alemaña nazi, con ocasión da celebración do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, que se celebra o vindeiro domingo, 27 de xaneiro.

Narón
Narón | Fonte: Europa Press

En concreto, foi nun acto organizado pola propia administración local en colaboración coa Asociación Memoria Histórica Democrática (AMHD), e no que participaron ao redor de medio centenar de alumnos de cuarto curso de Primaria do colexio Santiago Apóstolo de Narón, ademais dos seus profesores.

Presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro (TeGa), na cita tamén participaron portavoces de grupos municipais e o presidente de AMHD, Manuel Fernández, así como o seu secretario, Enrique Barreira. Durante o mesmo, a rexedora destacou que con actos así se busca que "estes feitos históricos non queden no esquecemento e garantir que non se volvan a repetir".

ACENDIDO DE SEIS VELAS

Unha vez no salón de plenos, seis dos alumnos encargáronse de acender outras tantas velas, cada unha cun significado particular. Así, a primeira foi acendida en recordo "dos dous millóns de menores que morreron nesta época", outra para "os cinco millóns de xudeus adultos que foron asasinados" e unha terceira para "os seis millóns de persoas de colectivos como xitanos, homosexuais ou discapacitados que foron exterminados".

Ademais, acendeuse unha cuarta vea "en recordo dos 8.300 españois que faleceron nos campos nazis, dos que unha vintena eran naturais das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal", mentres que a quinta serviu para homenaxear "a aquelas persoas que sobreviviron a esta barbarie" e a última "para todos aqueles que axudaron a salvar vidas".

Antes de celebrarse o acto no Concello, os estudantes, acompañados dos profesores, representantes do goberno municipal e persoal da Asociación Memoria Histórica Democrática, desprazáronse ao baixo da Biblioteca Municipal para poder contemplar a exposición 'Galegos en Mauthausen'. Trátase dunha mostra que está integrada por preto de medio centenar de imaxes relacionadas co Holocausto. Enrique Barreira foi o encargado de ofrecer as explicacións oportunas de cada un dos paneis que integran a mostra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta