O Xantar máis internacional presentouse en Fitur

Contará con 12 países representados, destacando a participación de Brasil como país convidado. O evento, que se celebra cada ano en Expourense e este ano chega ao seu XX aniversario, terá lugar do 6 ao 10 de febreiro.

Por X.M. Fernández | Ourense | 26/01/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Xantar é a única feira internacional de turismo gastronómico de España e foi presentada estes días no Salón de Fitur. Neste gran escaparate destacouse o papel que xoga este encontro á hora de promover a gastronomía como motivación turística co valor engadido de que contribúe a identificar o turismo co territorio amosando a cadea de valor do produto, dende a súa orixe ata que o consume o turista.

Presentación de Xantar 2019 en Fitur. Fonte: Expourense
Presentación de Xantar 2019 en Fitur. Fonte: Expourense

A cita deste ano destaca por ter unha presenza internacional maior á de anos anteriores pois 12 serán os países representados.Este carácter internacional diferenza a Xantar pero sen perder outro dos seus obxectivos fundamentais, promover o turismo de proximidade e dar a coñecer ao visitante a cidade e provincia de Ourense. Neste sentido puxéronse en marcha varios paquetes turísticos para que os visitantes vivan unha experiencia enogastronómica e termal na cidade das burgas.

Brasil será o país convidado desta XX edición, país que participa por primeira vez e que estará representado pola Prefeitura Municipal de Foz de Iguaçu, o segundo destino escollido polos estranxeiros que visitan Brasil. Un destino onde se poden atopar, unha das sete marabillas da natureza mundiais, as Cataratas de Iguaçu.

En Expourense estarán 15 restaurantes procedentes de Galicia, Castela e León, rexións turísticas de Portugal, ademais de Panamá e de Brasil, que ofrecerán máis de 20 menús con produtos autóctonos e de calidade incluíndo a maioría deles alimentos amparados por algunha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida.

No apartado de actividades, serán moitas e variadas como cada edición. Conferencias de expertos, exhibicións de cociña en directo, catas comentadas e degustacións incluídas no “Encuentro Internacional sobre Gastronomía Sostenible y Saludable” que chega á súa 14ª edición. Chefs procedentes de 8 países, cata e Túnel do Viño no que estarán presentes os 5 consellos reguladores de viño e licores e augardentes de Galicia que presentarán máis de 100 referencias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta