Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/01/2019 | Actualizada ás 14:00
Xa son sete os traballadores despedidos en La Voz de Galicia desde que comezou 2019. A modo, pero sen pausa, a dirección vai aplicando o seu plan para reducir o cadro persoal –mediante baixas incentivadas e despedimentos–, que coincide cunha fonda reestruturación no organigrama do xornal, un novo modelo de negocio e máis recortes salariais. E malia o malestar causado, os traballadores ceden unha vez máis.
Os máis de 300 empregados foron consultados polo comité intercentros en todos os centros de traballo de La Voz de Galicia. Á pregunta de se o comité debe renovar a negociación coa empresa do convenio colectivo, a pesar dos sete despedimentos, a maioría votou 'si'.
En concreto, emitíronse 195 votos, dos que 120 (61,5%) foron a favor da negociación, 71 (36,5%) en contra e 4 foron emitidos en branco. Datos que, a priori, sorprenden, logo de anos sufrindo recortes os traballadores e despois de que no comité, fartos, desen un paso inusitado neste xornal, ao enfrontarse publicamente á dirección e dar por rotas as negociacións, baixo o lema "Nin un só despido".
O goteo de baixas é incesante e dáse a todos os niveis. Ben pola vía da carta de despedimento, por baixas incentivadas ou polo desalento, o certo é que a Corporación Voz de Galicia está a desfacerse dun bo número de traballadores. A empresa só se compromete a manter o 80 por cento dos empregos este ano. Isto é, perderanse arredor de 60 postos de traballo.
"A empresa decidiu romper a paz social nun momento delicado", denunciaban días atrás fontes dos traballadores, que revelaron que "ningún despedimento foi comunicado ao comité" e que se executaron sen a preceptiva presenza dun representante sindical, co que a empresa tomou estas medidas "con escuridade e mala fe", criticaron. É por isto que o comité intercentros dera por rotas as negociacións do novo convenio. Pero agora, e malia os despedimentos de compañeiros –que continuarán–, a maior parte dos traballadores cederon e votaron 'si' á negociación.
MALESTAR POLA NOVA ORGANIZACIÓN DO TRABALLO
Para ese 80 por cento que aguantará na cadeira, as preocupacións son outras. Principalmente, a organización e carga de traballo, ante a integración total das redaccións de papel e dixital. Fontes de La Voz explican que a empresa vendeu como un "éxito" os cambios na redacción. Algo co que "discrepa o persoal", xa que se considera "inxusta a repartición de tarefas".
O novo organigrama, din, obriga a "excesivas cargas de traballo nalgunhas seccións con pouca xente e a crecente presenza de coordinadores que fan caótica a cadea de mando".
"O que fai falla agora é moita man de obra para atender o tempo real da web e facer páxinas para o xornal", advirten as mesmas fontes.
A isto hai que engadir a mudanza no modelo de negocio, que se fará efectiva o vindeiro mes de marzo, cando se activará un muro de pago para acceder a contidos do xornal. "Entre os traballadores hai preocupación, porque non se reforzou a redacción para afrontar unha etapa na que a calidade informativa é esencial para captar novos subscritores", advirten.
VILELA QUERE SEGUIR COMO DIRECTOR
Esta situación tamén está afectando aos postos de dirección do xornal. Tras a saída de varios xefes de sección, o director do medio, José Luis Vilela, manifestaba no acto de engrega do Premio Diego Bernal, o seu interese por seguir ao fronte do medio.
"Gustariame estar nesta nova andaina", dixo. "Teño 62 anos e tiven xa dous infartos, un hai dez anos e outro o pasado 27 de decembro, e quero seguir vivindo esta profesión de servizo á sociedade", suliñou con rotundidade co que algúns dos presentes interpretaron como unha posición de afirmación da súa posición en La Voz de Galicia.
Nas últimas semanas especulouse coa posibilidade de que Vilela fora tamén substituído da dirección do xornal. Ten 62 anos e estaría xa en idade de prexubilación. De feito, a dirección do grupo anima aos xornalistas que superan os sesenta a prexubilarse, pero ese parece non ser o caso do aínda director de La Voz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.