Galicia xa cambiou máis de 300 sinais con limitación de 100 a 90 quilómetros

Losada anuncia 56,7 millóns en conservación de vías este ano en Galicia para apostar por "estradas máis seguras".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/01/2019 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, fixo fincapé este luns na "aposta do Executivo" por contar cunhas "estradas máis seguras" e anunciou que o Ministerio de Fomento investirá este ano 56,7 millóns de euros en tarefas de mantemento e conservación de vías na Comunidade.

"Falamos dunha cantidade moi importante e que supón un 4% máis de investimento que a que se destinou ao mesmo concepto o ano pasado", resaltou o delegado durante o acto de colocación do último sinal de velocidade reducida nos tramos de vías convencionais xestionados polo Estado, que tivo lugar na N-VI ao seu paso polo municipio coruñés de Betanzos.

Losada estivo acompañado pola xefa provincial de Tráfico da Coruña e coordinadora en Galicia, Victoria Gómez, e polo xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González. Durante o cambio, o delegado insistiu na "suma das modificacións regulamentarias", o incremento da vixilancia e a mellora das infraestruturas como "elementos prioritarios" da axenda do Goberno para reducir as cifras de sinistralidade, destacou a Delegación nun comunicado.

Así, lembra que este cambio de sinais "está obrigado pola recente modificación do Regulamento Xeral de Circulación", que reduciu o límite de velocidade máxima permitida en vías convencionais de 100 a 90 km/h, "unha modificación en liña co resto de países europeos e coa que esperamos baixar a sinistralidade un 10%", engadiu.

Nas últimas semanas, Carreteras del Estado procedeu á substitución de 309 sinais ao longo de 1.480 quilómetros de vías afectadas por esta medida na Comunidade galega. Este proceso finaliza este luns, un día antes da entrada en vigor da nova limitación.

Javier Losada posa nun cambio de limitación de estrada de 100 a 90 quilómetros
Javier Losada posa nun cambio de limitación de estrada de 100 a 90 quilómetros | Fonte: Delegación do Goberno

NOVAS MEDIDAS

A esta modificación sobre a velocidade, o delegado lembrou que nos próximos meses haberá novas medidas, que traballarán na reforma do carné por puntos, na regulamentación do tráfico en vías urbanas e uso de patinetes eléctricos e na modificación do procedemento para sacar o carné de conducir e mellorar a formación dos novos condutores.

Javier Losada insistiu nas tarefas de vixilancia nas estradas, que efectúa a Agrupación de Tráfico da Guardia Civil e cuxas previsións para este ano inclúen a realización de 840.000 controis de alcol; 15.000 controis de consumo de drogas, 3,3 millóns de controis de velocidade e 40 campañas especiais de tráfico.

Por último, o delegado anunciou que convocará en próximas datas unha reunión da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria, para avaliar a evolución da sinistralidade e realizar un seguimento destas e outras medidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta