O Goberno anuncia 52 millóns para as obras na A-54 e na estación intermodal compostelá

Lamenta "a retardación" de proxectos que imposibilitou "ao Goberno levar a cabo obras demandadas" como a depuradora ou a ligazón orbital

Por Enrique Martínez | Santiago de Compostela | 28/01/2019 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, sinalou este luns que o Goberno "garantiu para Santiago e a súa comarca un investimento de máis de 52 millóns en infraestruturas e dotacións para este ano", dos cales 30,5 corresponden á autovía entre a capital galega e Lugo e 17 á estación intermodal compostelá.

Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.
Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.

Nun comunicado de prensa, a Subdelegación do Goberno na Coruña, explicou que estas contías enmárcanse nuns "orzamentos realistas e executables", que "se contrapoñen aos deseñados polo PP durante os últimos anos e que se converteron en papel mollado ao non atender as demandas dos veciños e veciñas de Santiago e a súa contorna", abundou.

Entre os investimentos previstos, destacou o destinado ás obras da estación intermodal, para as que se reservaron este ano 17 millóns de euros; a dedicada á construción da autovía entre Santiago e Lugo, a A-54, cun total de 30,5 millóns, e a relativa ao aeroporto de Lavacolla, de 3,1 millóns.

Pilar López-Rioboo lamentou neste sentido que "a retardación na que atopaban algúns proxectos da cidade" imposibilita "ao Goberno levar a cabo obras demandadas polos veciños, como son o caso da estación depuradora ou a ligazón orbital".

"Por iso, 2019 será un ano especialmente importante para avanzar na tramitación dalgúns deses proxectos reclamados e que quedaron bloqueados ou paralizados polo anterior Goberno", subliñou a Subdelegación, que lembrou que nos últimos cinco anos "o PP deixou sen executar en Galicia 2.000 millóns de euros que orzara".

Pilar López-Rioboo considera que o investimento de 17 millóns na estación intermodal de Santiago para este ano representa case o 60 por cento do total da obra, "quedando previstos para o ano 2020 outros 2,1 millóns que permitirán rematar o proxecto", apostilou.

LIGAZÓN ORBITAL

Así mesmo, a Subdelegación asegurou que este ano tamén se pretende licitar as obras de construción da ligazón orbital de Santiago, cuxo proxecto construtivo xa está aprobado e cuxos trámites expropiatorios están iniciados.

"Ao tratarse dunha nova ligazón na AP-9 está a tramitarse, con carácter previo á licitación da obra, un convenio entre o Ministerio de Fomento e Audasa, de tal maneira que as obras as financiará, licitará e executará Fomento e da conservación encargarase Audasa", matizou.

A tramitación e pago das expropiacións, os trámites que require a firma do convenio, que terá que ser ratificado polo Consello de Ministros, ademais dos propios trámites da licitación e adxudicación da obra, "fan que o inicio da súa execución se produza con cargo á anualidade do 2020, que xa dispón de consignación orzamentaria", puntualizou a Subdelegación.

Por outra banda, outras partidas consignadas nestes orzamentos permitirán acometer a construción dunha glorieta na confluencia da  N-550 e a estrada  DP-3801 na localidade de Sigüeiro, a construción dunha glorieta na  N-550 en Ordes e avanzar na redacción do proxecto da variante da  N-550 en Ordes, así como acometer diversas melloras na  N-547 en varios cruces do Camiño de Santiago.

Mentres, o investimento previsto para o Aeroporto de Santiago sitúase de 3,1 millóns de euros, "destacando o gasto previsto para o novo edificio do Servizo de Extinción de Incendios, así como para seguridade operativa e os investimentos de apoio e mantemento", concretou a Subdelegación.

CONSERVACIÓN

Xunto a estes proxectos, engade actuacións como a conservación do convento de San Antonio de Herbón, en Padrón, cunha previsión de gasto de 300.000 euros; e a restauración da escalinata do Obradoiro e Rexería na catedral de Santiago, cunha dotación de 100.000 euros.

A subdelegada do Goberno sinalou que "é o momento de pensar en 2019" e, por iso, explicou que "o investimento previsto para a provincia é de 228 millóns de euros, dos que máis de 52 se concentrarán nas infraestruturas da cidade e a súa comarca".

"Son uns orzamentos realistas, que garanten investimento, que permiten completar grandes proxectos e dar continuidade a outros. Uns orzamentos realistas para executar e para que Santiago e a súa comarca avance", afirmou.

Respecto diso, engadiu que se trata dunhas contas "sociais, que pensan nas persoas, que non deixan a ninguén atrás, que fan un esforzo para recuperar dereitos e benestar social". "E son uns orzamentos progresistas, que garanten os ingresos, cunha política contributiva que protexe as pequenas e medianas empresas, que protexe as familias con rendas medias e rendas máis baixas", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta