A solución do Concello de Pontevedra aos taxistas: un sistema de transporte colectivo baixo demanda

Representantes do sector ven con bos ollos a proposta e póñense ao servizo do Goberno local para o seu desenvolvemento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2019 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra empezou a dar os primeiros pasos cara a implantación dun modelo de transporte colectivo baixo demanda mediante vehículos de baixa capacidade (de nove prazas ou menos). A proposta foi presentada este luns ao sector do taxi por parte do concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez.

Taxi en Pontevedra.
Taxi en Pontevedra.

Representantes da Asociación do Taxi de Pontevedra e da Asociación Provincial do Taxi coñeceron a proposta nunha reunión na que o concelleiro, acompañado por técnicos municipais, expuxo as liñas xerais da iniciativa.

Ao termo do encontro, Demetrio Gómez destacou as oportunidades que para este sector profesional suporía a súa participación no proxecto de transporte urbano de Pontevedra e preguntoulles pola súa disposición a colaborar na proposta.

A reunión de contacto co sector do taxi pontevedrés tivo lugar 24 horas antes do encontro de traballo que manterá o Concello coa Xunta na que técnicos das dúas administracións abordarán a reformulación do transporte público da cidade, así como a necesidade de coordinar esta iniciativa co resto de propostas de transporte metropolitano e interurbano da área de Pontevedra.

O concelleiro de Mobilidade asegurou que "é o momento de abordar o tema pois é agora cando finalizan as concesións de moitas liñas de autobús e vaise afrontar a modificación, mantemento e supresión de liñas".

Demetrio Gómez indicou que desde o Goberno local do BNG van tentar " pór en marcha o transporte a demanda e non creo que a Xunta se negue a ter un bo transporte público", polo que mostrou a súa confianza en que "o lóxico" é que en "todas as administracións" colaboren neste ámbito.

SECTOR DO TAXI

O portavoz da Asociación Provincial do Taxi, José Crespo, subliñou que están "moi interesados" na proposta de transporte a demanda que o Concello de Pontevedra puxo sobre a mesa e avanzou que colaborarán en "todo o posible" para que saia adiante.

O sector do taxi conta na cidade con 89 licenzas e emprega a unhas 110 persoas. Nesta frota hai vehículos de ata 7 prazas, segundo apuntou o seu portavoz, quen incidiu en que o seu interese é "dar un bo servizo" e que o transporte a demanda é unha posibilidade de avanzar na procura dun servizo de calidade e ampliar o seu volume de servizos e clientes.

PROPOSTA DO CONCELLO

A proposta do goberno pontevedrés consistirá na implementación dun medio de transporte público baixo demanda entre a poboación residente en núcleos de baixa densidade, fundamentalmente.

Segundo o consistorio local, este servizo favorecerá a mobilidade á carta, facilitando o transporte onde se determine e no momento que se demande. Deste xeito, os usuarios con traxectos similares compartirían viaxe en vehículos de baixa capacidade, preferentemente a través do servizo de taxi. Así, os desprazamentos a equipamentos socio-sanitarios e de carácter asistencial terían prioridade.

Este sistema de transporte estará orientado principalmente á poboación de núcleos de baixa e media densidade de Pontevedra e a colectivos con posibilidades de mobilidade reducida (poboación da terceira idade, poboación infantil e xuvenil, etc.).

O proxecto conta cun investimento aproximado de 300.000 euros, do que o 80% corresponde ao financiamento a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER 2014-20).

A análise e a avaliación de experiencias de transporte a demanda doutros lugares (implantadas e tamén fracasadas) guiará a definición do sistema en Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta