Mercadona, mirando para os ollos dun xigante comercial (III): A súa política laboral

A empresa ten un dos índices de absentismo laboral máis baixos no Estado. Houbo denuncias por acoso laboral a persoas que non querían ceder por exemplo, en deixar unha baixa laboral. Tamén as denuncias de persoas que sentiron vulnerados os seus dereitos laborais no momento de sindicarse. Aquí abordamos, non todo, pero si algúns puntos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As políticas laborais dunha empresa están encamiñadas a estableceren un marco de entendemento entre traballadores e dirección da mesma. Buscaríase un equilibrio entre os obxectivos da empresa e os obxectivos dos empregados. É dicir, que beneficiarse da actividade económica non implique horarios abusivos ou excesivos, respeto pola legalidade laboral para todo o cadro de persoal e tamén ter en conta o pagamento de horas extraordinarias e que estas non excedan do número que establece por xornada a lexislación.

Parte do documento para relacións cos sindicatos
Parte do documento para relacións cos sindicatos | Fonte: Fontes sindicais Mercadona

No que toca a cobertura de baixas por enfermidade ou por accidente, Mercadona é unha empresa autoaseguradora ou colaboradora, xestiona ela o réxime de baixas rendendo contas á Seguridade Social. Por outra banda, existen casos de nulidade de despedimentos por considerarse vulnerados os dereitos do traballador cando estaba de baixa. Desde sectores sindicais apuntan que hai unha política de relación cos sindicatos que primaría a protección da política empresarial por encima da integridade do persoal.

AUTOASEGURADORA

Mercadona é unha empresa autoaseguradora: “Empresa que foi autorizada pola autoridade competente para que sexa ela mesma a que se proporcione os servizos requiridos pola IT (incapacidade laboral) de AT (accidentes de traballo). As empresas autoaseguradoras descóntanse dos seus pagamentos á Seguridade Social a cantidade correspondente a IT de AT”.

As fontes consultadas por Galicia Confidencial apuntan un itinerario pouco común para ter unha baixa por enfermidade ou accidente. A cuestión é descrita desta maneira por André Abeledo da CIG, “antes de coller unha baixa pola Seguridade Social, tes que falar co médico da empresa, neste caso dunha mútua, FREMAP, que che di que collas tres días e vaias para a casa, pasados eses tres días volves á empresa e se o médico considera que estás ben, que podes cumprir co teu traballo, tes que volver”. O mesmo André Abeledo considera isto unha contradición porque “dous días de absentismo sen xustificar nunha outra empresa é motivo de despedimento”. Ademais engade que “eses tres días que ti vas para a casa non figuran como baixa, non están recollidos”.

Interior dun  Mercadona
Interior dun Mercadona | Fonte: Wikipedia

Un caso que acabou en despedimento nulo foi o de Lucía. “Cambiáranme para a sección de froitería, viña da tenda de cosméticos. Comecei a ter dores fortes e a non ser capaz de mover caixas polo peso das mesmas”. Solicitada a baixa ao seu médico, a empresa mesmo fixo seguemento da traballadora. “A xuíza declarou nulo o despedimento porque considerou que a empresa non tivo en conta que eu naquel estado, non era rendible, ademais na sentenza aparece que non estiven ben diagnosticada e que se vulneraron os meus dereitos fundamentais”. Todo isto logo de que “eu lles dixera que tiña escoliose e que non podía cambiar a froitería, pero a doutora da empresa dixera que estaba apta para o posto segundo os informes da Fremap”.

“Durante o meu período de baixa non podía ir a Mercadona á entrevista coa doutora” di unha extraballadora, que nos aclara que as entrevistas médicas cos facultativos da empresa son na mesma sede de Mercadona. “Non podía ir polo enorme grao de estrés e ansiedade que me creaba, ao final a doutora viña á miña casa”. A situación vivida por esta antiga empregada foi que “un novo coordinador comezou con acoso sutil, a min e a outros compañeiros”. Cando a situación se volveu imposible e recorreu á vía legal “o avogado intuiu que se estaba aplicando un ERE encuberto para eliminar o persoal con máis antigüidade para quedar cos máis novos”. Durante un tempo “presionáronme para que fose traballar, deixase a baixa e estivese no meu posto 15 minutos, que gaña a empresa con que estivese só quince minutos?”. O resultado foi que houbo unha inspección laboral que si declarou acoso laboral e ao final a empresa tivo que pagar unha indemnización das máis altas.

“Se a un traballador ou traballadora lle sucede algo así, é un risco para a súa saúde, e desde logo o que ten que facer é ir ao seu médico de cabeceira, e se ocorre o de denegar unha baixa, desde o sindicato contestariamos esa postura” sinala Silvia Yankowich de CC OO. Desde a Sección de Comercio de UGT, a resposta de Tino Criado é que “todo o que sabe UGT é coñecemento oficial, segundo iso, Mercadona cumpre cos requisitos”. Sobre se na súa forza sindical teñen coñecemento dalgunha das manobras de seguemento a resposta é que “o control das baixas é legal, que houbo reclamacións?, si, pero o que fai Mercadona sobre as baixas é legal”. Dede UGT, sobre a Incapacidade Temporal que se negociou para o novo convenio laboral, sinalan que “A Incapacidade Temporal mantén os dezaoito meses ao 100%, seguen  primando os complementos extraordinarios que se antes estabas de baixa quitábanchos e agora si chos aboan”.

RELACIÓNS SINDICAIS E LABORAIS

Abundan as voces que apuntan a repartos de cotas entre as grandes forzas sindicais e Mercadona. Se se puido demostrar? A día de hoxe, antigos integrantes dos principais sindicatos a nivel estatal, UGT e CC OO, apuntaban un hipotético reparto dos comités provinciais. En tal caso, ningunha das fontes consultadas por Galicia Confidencial puido demostrar con evidencias este punto. “Se alguén pode demostrar isto que o denuncie” din desde UGT Comercio.

Actualmente o sindicato maioritario na provincia da Coruña é a CIG. “Cando fomos ás reunións en Valencia para negociar o convenio aquilo era dicir si a todo o que dicía a empresa” di María López que estivo nas mesas de negociación para o novo convenio. O documento foi asinado por Mercadona, CC OO e UGT, que ambas organizacións coinciden en sinalar o aumento salarial segundo o IPC anual. Con todo, outras tres forzas políticas, CIG, ELA e OSTA, criticaron que se anunciasen unha serie de medidas como a suba dun 15% nos salarios.

A mesma María López se presentara para as eleccións sindicais de 2010. “O caso é que tiven que ir a xuízo porque entendía que me estaban presionando, en 2011 saíu a sentenza que condenaba á empresa por represión e persecución sindical”. López indica que lle retiraran as primas correspondentes a tres anos. Actualmente é a presidenta do comité de empresa para a provincia da Coruña. Fontes sindicais da CIG apuntan que o feito de presentarse polas súas listas supuña moitas veces a creación dun baleiro arredor deles. “Os compañeiros e compañeiras ás veces deixan de falarche pero por medo, hai un acoso sutil que non podes demostrar porque non tes probas, suspendes as valoracións para ter prima salarial”, di unha fonte sindical consultada por Galicia Confidencial. “No lugar de traballo onde estiven houbera eleccións sindicais, a sorpresa foi que só se presentaba un sindicato e outra lista alternativa botárona abaixo” din as mesmas fontes.  Desde a CIG sinálase a política de recadación de datos que figurarán nunha base que terá a empresa. Nalgún caso estendéronse documentos para pedir a retirada de datos persoais de dita base.

Galicia Confidencial puido acceder a uns documentos que marcan os pasos para manter un modelo de relación sindical. Comeza establecendo a hipótese, denominada “Diamante” e que di “non temos modelo de relación sindical”. Os feitos que proban isto é que por exemplo, hai sindicatos “amigos” e “inimigos”. Os primeiros non coñecen nin entenderían ben o modelo empresarial, mentres que os “inimigos”, só se visibilizan nos xulgados. Sorprende neste apartado que cando mencionan o número de liberados e representantes sindicais haxa preguntas como “sabemos quen son?, que fan?, cal é o valor dos seus imputs?”.

A causa de todo isto para Mercadona reside en tres pés: “Persoal: o propietario non exerce, paradigma do pau e a cenoria, falta de liderado; non hai método, fomos poñendo remendos; instalacións, nada; materiais, nada”. No mesmo documento apúntase a necesidade me manter relacións “naturais” e “amigables” cos sindicatos marioritarios, para manter o equilibrio con eles. Por último están os métodos de visita dos sindicatos ás tendas.

As conclusións que se poden tirar é que existe unha política laboral e sindical ata certo punto distinta ás das demais empresas do sector. O feito de existir sentenzas que anulaban despedimentos, cousa por outra parte tamén factible noutros sectores e compañías, non dan unha imaxe sólida do “Modelo Calidad Total” (MCT) de Mercadona. A empresa autoaseguradora buscaría, neste caso, unha reducción considerable do absentismo laboral, que en comparativa Mercadona ten un dos máis baixos de todo o Estado. Así, a empresa non tería que pagar as baixas dos traballadores e traballadoras. Noutra orde de cousas, podería interpretarse que Mercadona busca un “equilibrio” con forzas sindicais, sobre todo maioritarias, para que o seu modelo non sexa prexudicado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

1 Gamela

confuso todo moi confuso... entre liortas sindicais e o negocio Fremap !

1 Traballador da empresa

Pràcticamente o mes pasado a CIG acadou maioría absoluta na provincia da Coruña nas eleccións sindicais, primeira vez que se consegue, pensa no q teñen que pasar unha maioría de traballadores para que isto suceda. Hai compañeiros medicándose (ansiolíticos e antidepresivos , con e sen control médico) para ir a traballar. Mercadona non paga nada à Seg. Soc. polos traballadores, a cambio faise cargo do coste das baixas, para iso ten o seu equipo de médicos, avogados, e uso de detectives privados para trampear información (xuízo gañado a semana pasada por unha traballadora de baixa). No artigo míranlle ós ollos ó xigante (q s agradece o traballo de investigación e información) pero se chegan a levantar as alfombras que pisa..........

2 Traballador da empresa

A clåusula de confidencialidade, por suposto , para ter os problemas ben acochadiños coa axuda dos grandes sindicatos nacionais ( que non fai falta mencionar) que é coma se formasen parte de RR HH da empresa. É de agradecer o traballo de investigación e información periodístico e tamén o dos pequenos sindicatos rexionais , con moitos menos recursos. E perdóname q opine q estás a facer moito dano cas túas opinións sen experiencia ou investigación q as respalden, pero necesito dicilo.

3 Traballador da empresa

Corrixo, o xuízo da semana pasada non foi por traballadora de baixa, foi por adaptación do horario para o coidado do fillo, presentàronse probas trampeadas dun detective privado, descubriuse o trampeo, gañou a traballadora, por suposto. (Se chegan a levantar as alfombras....)