A última proposta da xerencia do CHUS supón "un avance", pero "non cobre" as reivindicacións do persoal

O comité de folga mantivo unha reunión cos responsables da área sanitaria de Compostela para "aclarar" a redacción do documento. Malia que observan unha melloría respecto á última proposta, aínda quedan "dez ocos sen dotación de persoal" en Urxencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

O comité de folga do persoal de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) considera "un avance" a última proposta presentada pola xerencia con respecto á anterior exposta en decembro, pero admite que "non cobre" as súas reivindicacións.

Fontes do comité explicaron a Europa Press, que este mércores pola mañá mantiveron unha reunión "aclaratoria" coa xerencia para ter unha "redacción máis clara" da última proposta que presentar aos traballadores.

Tras o encontro, en declaracións a Europa Press, o presidente da Comisión de Especializada, Camilo Agulleiro, puntualizou que este mércores abordaron unicamente coa dirección unha "mellor redacción" do documento para poder sometelo a votación entre os traballadores, xa que consideraban que "ás veces era ambigua".

Tras asegurar que agora o documento foi aclarado, matizou que a proposta da xerencia, aínda que aumenta a dotación de persoal como o de enfermaría, deixa "dez ocos sen dotación de persoal" en Urxencias do Hospital Clínico.

A partir das 13,00 horas deste mércores, o comité de folga ten previsto reunirse para fixar a data na que se convocará unha asemblea extraordinaria de traballadores. En dita xuntanza decidirán se aceptan a última proposta da xerencia e finalizan a folga ou se, pola contra, a rexeitan.

Protesta de traballadores de Urxencias do CHUS. COMITÉ DE FOLGA DE URXENCIAS DO CHUS
Protesta de traballadores de Urxencias do CHUS. COMITÉ DE FOLGA DE URXENCIAS DO CHUS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta