Novo récord das exportacións galegas no 2018

As estimacións do Igape apuntan a un crecemento dúas veces superior ao do conxunto estatal. Observan "certos nuboeiros" nas perspectivas para 2019 pola retardación da economía mundial

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

As exportacións galegas terán unha nova "marca" en 2018. A falta de coñecerse os datos definitivos relativos ao mes de decembro, a previsión é que se supere por primeira vez a barreira dos 22.000 millóns de euros en vendas.

Así o destacou este mércores o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes, nunha rolda de prensa na Cámara de Comercio de Santiago, na que deu conta dos datos recentemente publicado sobre exportacións galegas ata novembro.

As exportacións galegas romperon en novembro de 2018 coa súa serie alcista, ao rexistrar unha caída do 4,7% respecto ao mesmo mes de 2017. Con todo, no acumulado do ano -11 primeiros meses- rexistra unha alza do 7,2%, aínda que logo modera o seu incremento na parte final do exercicio.

Así, Cividanes subliñou que os 21.313 millóns de euros exportados por empresas galegas nos 11 primeiros meses de 2018 case alcanzan xa a cifra total de vendas ao exterior de todo 2017 (21.676 millóns).

Ademais, remarca que o crecemento é de máis do dobre que o ritmo español (+3,4%), mentres xa supoñen máis do 8% do conxunto de vendas en España. O superávit entre exportacións e importacións é de 3.677 millóns.

Por sectores, o téxtil, automoción e agroalimentación continúan na cabeza, pero en 2018 prodúcese un crecemento relevante en dous campos: o de maquinaria industrial (increméntase nun 91%) e o de produción mineral (+35%). No outro extremo, hai unha baixada no naval, pero Cividanes sostén que "non é un dato alarmante" e espera a súa recuperación en 2019.

BREXIT

No tocante aos destinos, os máis relevantes seguen sendo cinco países europeos que acaparan o 55% das exportacións galegas: Francia, Portugal, Italia, Reino Unido e Alemaña.

Sobre o impacto que pode ter o 'Brexit' nas exportacións galegas, Juan Cividanes apunta que as vendas ao Reino Unido supuxeron nos 11 primeiros meses un total de 1.363 millóns. A partir de febreiro, o Igape realizará actuacións concretas para apoiar e asesorar empresas sobre o 'Brexit'. Tamén haberá unha ferramenta de diagnóstico sobre o nivel de impacto en cada compañía. Con todo, explica que se está á "expectativa" de saber o que pasa e se hai aranceis no futuro.

PERSPECTIVAS PARA 2019

A preguntas dos medios sobre as perspectivas para 2019, o responsable do Igape afirma que existen "certos nuboeiros no horizonte" sobre os que estar "alerta". Cre que se debe facer un seguimento do funcionamento dos principais sectores galegos, pero por agora non detecta síntomas negativos, polo que se mostra "moi satisfeito" cos actuais resultados.

A este respecto, o secretario xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz, reflexiona sobre que se prevé unha gran "volatilidade" para a economía mundial este ano, cunha "retardación" que cre non se notará no mercado interior español ata o segundo semestre.

PLAN FOEXGA

Neste acto tamén tomaron a palabra as cámaras de comercio de Santiago, A Coruña e a fusionada de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía para agradecer ao responsable da Xunta os cambios introducidos no Plan Foexga, que o fai máis operativo para apoiar a internacionalización de empresas, segundo din.

O plan pasa a ser de carácter bianual (2019-2020) e conta con 3,6 millóns de euros, coa posibilidade de ampliarse. Ademais de consolidar mercados, os representantes das cámaras afirman que se porá o foco en novos mercados "emerxentes" como os de África e Asia, onde observan gran potencial de crecemento.

Rolda de prensa de Juan Cividanes con cámaras de comercio
Rolda de prensa de Juan Cividanes con cámaras de comercio | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta