Feijóo califica as protestas da sanidade pública como "bolivarianas"

Leiceaga cre que o PP se comportou "como Maduro" ao "impedir que opositores ás súas políticas poidan expresarse" no Parlamento. "Vetaron vostedes ás vítimas dos recortes", criticou pola súa banda Villares. Pontón, que tachou a Feijóo dunha "especie de Terminator" da sanidade pública, pediu máis prazas e máis orzamento para a Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acusou a oposición -En Marea, PSdeG e BNG- de defender políticas sanitarias "bolivarianas" e de facer o "ridículo parlamentario" durante a sesión do control ao Goberno no Pazo do Hórreo, despois de que os representantes dos tres grupos lle preguntaran sobre os "recortes" no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

E é que, tal e como lembrou o titular do Goberno autonómico, estas cuestións xa foron abordadas por el mesmo na comisión de investigación da sanidade, un órgano creado pola propia oposición e ao que finalmente rexeitou acudir despois de que o PP aprobase en solitario o calendario de comparecencias.

No canto diso, En Marea, PSdeG e BNG organizaron unha serie de xornadas alternativas sobre sanidade, que Feijóo tamén tachou de "comisión bolivariana".  "Non había nin preguntas nin réplicas", afirmou o presidente, e o seu "obxectivo é denigrar a sanidade pública sempre que teñen ocasión" e "burlarse" do Lexislativo.

"Se vostedes viñesen debater comigo xa verían o que dixen, pero como teño respecto a este Parlamento non teño ningún inconveniente en lembralo", engadiu, lembrando que tamén compareceron na comisión de investigación os conselleiros de Facenda e de Sanidade, Valeriano Martínez e Jesús Vázquez Almuiña, respectivamente.

A primeira en formular a súa pregunta foi a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen tachou a Feijóo como "unha especie de 'Terminator'" da sanidade pública, "empeñado en facer" deste servizo "un negocio para empresas amigas".

Por iso, e tras aludir a diferentes conflitos na sanidade pública galega -a dimisión en decembro dunha vintena de xefes de servizo de Atención Primaria en Vigo, a folga indefinida en Urxencias do Hospital Clínico de Santiago e protestas na PAC, entre outros-, instou o presidente da Xunta a convocar as 6.067 prazas que, segundo as súas cifras, hai vacantes no Sergas. Ademais, pediu un "plan de choque" en Atención Primaria dotado de 2.000 millóns de euros.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, celebrou que o Goberno autonómico "por fin comeza a rectificar" as súas políticas, con medidas como o contrato de  entre un a tres anos para médicos de familia e pediatras anunciado pola Consellería de Sanidade. Con todo, criticou que Galicia está "a unha distancia sideral" doutras comunidades en materias como o número de médicos por habitante.

"A POLÍTICA SANITARIA DE EMILIO PÉREZ TOURIÑO"

"Ten que cambiar o diagnóstico e, por tanto, as políticas. Sexa valente, recupere os mellor da política sanitaria de Emilio Pérez Touriño e seguro que vostede acerta", alentouno o deputado socialista, ao que Feijóo respondeu cun "tomo nota" irónico.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, aludiu ás dúas "multitudinarias manifestacións" convocadas no último mes en Vigo e Santiago en defensa deste servizo público, xa que Galicia, segundo as súas palabras, "vive nunha situación de verdadeiros malos tratos sanitarios pola Xunta, non só aos profesionais senón ao conxunto da cidadanía".

En referencia á comisión de investigación promovida pola oposición, o líder do partido instrumental insistiu en que o PP "vetou de forma maliciosa a comparecencia de xente que era esencial para saber que estaba a ocorrer coa sanidade pública". "Vetaron vostedes ás vítimas dos recortes", resumiu.

Ante estas críticas, Feijóo preguntouse "a que recortes se refería" Villares, xa que, a ollos del, os dereitos "que se recortan son na súa organización", coas "loitas internas" de En Marea tras o seu proceso de renovación do pasado mes de decembro.

"Non vou entrar na trampa de como está o seu partido e de como están os inimigos políticos de dentro do seu partido. Soamente ten que mirar nos escanos que o rodean: no escano que o rodea (o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez) quérese ir con Bildu e o BNG ás europeas, e o seguinte escano (a exsecretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos) non quere saber nada das mareas. E os alcaldes das mareas non queren saber nada de vostede", esgrimiu o presidente da Xunta.

"POLÍTICAS SANITARIAS BOLIVARIANAS"

Ademais, tamén arremeteu contra a deputada de En Marea, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta segunda do Parlamento, Eva Solla, quen nunha ocasión compareceu na tribuna cunha camiseta na que se lía 'Chávez, xúrocho, voto por Maduro'.

"Como se pode defender a sanidade pública en Galicia e simultaneamente defender o réxime chavista? (...) O único dereito social que hai en Venezuela é o dereito á miseria, señorías. Por iso nós nunca imos compartir as súas políticas sanitarias, porque as súas políticas sanitarias bolivarianas non teñen nada que ver coas políticas dun pobo libre que vota e respecta ao Parlamento", sentenciou.

Tamén Leiceaga aludiu á situación de Venezuela, censurando que tanto Feijóo como o Partido Popular se comportaron "como Maduro, impedindo que os opositores á súa política puidesen expresarse" na comisión de investigación.

O ANO "CON MÁIS ORZAMENTO QUE NUNCA" PARA SANIDADE

Así mesmo, o líder do Executivo autonómico reivindicou que 2019 é o ano en que a sanidade galega conta "con máis orzamento que nunca", o que cifrou en 4.000 millóns, "un 10 por cento máis que cando gobernaba o bipartito, tendo 1.000 millóns de euros menos de orzamento" xeral para toda a Comunidade. "De que se nos acusa? De mellorar a sanidade pública. Acepto a acusación", chanceou.

Con todo, o presidente do Goberno galego reiterou a súa petición de convocar máis prazas MIR ante o "déficit" de facultativos en España, algo que xa foi rexeitado polo Executivo central. "Dedícase a algo o Ministerio de Sanidade socialista?", deixou caer Feijóo a fío disto.

Consecuentemente, o portavoz socialista afeoulle que esta postura da Xunta é de "hai uns meses", tras a moción de censura que permitiu a saída de Mariano Rajoy da Moncloa. "Cando solicitaron vostedes a ampliación do MIR? No ano un do seu Goberno, no ano tres, no ano cinco, no ano sete? Ou foi hai uns meses?", preguntou Leiceaga.

Así as cousas, Feijóo valorou que nos anos de goberno de PSdeG e BNG, de acordo coas súas cifras, construíronse "só catro centros de saúde", mentres que o Executivo autonómico do PP leva "54" desde o ano 2009. Seguidamente, acusou ao bipartito de deixar as "maiores listas de espera da historia" e "non investir en tecnoloxía" sanitaria.

O presidente da Xunta no pleno do Parlamento de Galicia.. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta no pleno do Parlamento de Galicia.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta