Almuiña asegura que os centros sanitarios do Sergas teñen plans de continxencia ante a gripe

O conselleiro de Sanidade cifrou nun 90% as urxencias resoltas sen ser derivadas a hospitais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/01/2019 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu durante o pleno do Parlamento galego que "todos os centros sanitarios" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) dispoñen dun plan de continxencia fronte á gripe, "desde a prevención ata a actuación", que ademais prevé "reforzos" de persoal e de medios.

Así respondeu Vázquez Almuiña a unha interpelación da deputada de En Marea Eva Solla, quen apuntou os "colapsos" nos corredores de urxencias debido ao pico da gripe, o que sumou ao "malestar" dos profesionais do Sergas, que deixa en Galicia, segundo as súas palabras, unha "crise sanitaria". E é que, tal e como denunciou, o Goberno autonómico de Alberto Núñez Feijóo leva "dez anos esnaquizando" a sanidade pública e agora, ante a conflitividade no sector, "só teñen unha única proposta", que pasa por "alongar a idade de xubilación" e "botarlle a culpa a alguén cando poden". "E cando non poden, din que non se pode facer", criticou.

A iso, o conselleiro respondeu que "hai unha boa planificación" da situación da gripe por parte da súa Consellería, á vez que cifrou en máis do 90 por cento as urxencias resoltas sen ser derivadas ao hospital. Ademais, explicou que "cando se producen incrementos da demanda, sempre hai que realizar unha adaptación do modelo de asistencia para liquidar da mellor maneira posible a situación, contemplando a necesidade de habilitación de recursos tanto estruturais como de persoal segundo vaian crecendo as necesidades asistenciais":

Neste contexto, a parlamentaria de En Marea censurou os "malos tratos" da prevención e da Atención Primaria por parte da Xunta, para despois preguntar "cando vai atender as demandas dos profesionais" e "cando pensa mellorar os plans pero de maneira estrutural, non de maneira puntual". Así, Vázquez Almuiña serviuse de varios artigos de xornais para asegurar que a "catástrofe" que Solla vaticina para Galicia "afecta tamén a outras comunidades". Seguidamente, valorou a "resposta coral" dada polo Sergas fronte a estes problemas, reivindicando ademais que "todos os centros sanitarios" públicos da Comunidade "dispoñen dun plan de continxencia".

AMBULANCIAS

Por outra banda, a deputada de En Marea preguntou ao titular de Sanidade sobre as ambulancias do 061, argumentando que "non cumpren coa normativa" en materia de peso e de material e que o persoal ao cargo soportan "quendas de doce horas nas que non poden parar nin a comer" e con contratos en prácticas polos que cobran "un 40 por cento menos" do estándar.

Seguidamente, Vázquez Almuiña lembrou que o servizo de transporte sanitario urxente terrestre "garante a todos os cidadáns galegos a accesibilidade, a equidade e a eficiencia dunha asistencia de alta calidade", tal e como demostra, engadiu, que a valoración deste servizo por parte dos usuarios é de 9,3 puntos sobre 10. En canto aos contratos, o conselleiro apelou á "responsabilidade" das concesionarias e insistiu en que "as obrigacións das empresas son obrigacións das empresas".

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade
Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 penicillun nottatun

Os plans os teñen pero o persoal necesario para enfrontar a epidemia non... e todolos anos pasa o mesmo