Este venres ábrese o prazo para solicitar axudas da PAC

Poderanse pedir por vía telemática ata o vindeiro 30 de abril. A Xunta calcula que uns 30.000 agricultores e gandeiros demandan estas achegas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

O prazo para presentar solicitudes para optar ás axudas da Política Agraria Común (PAC) permanecerá aberto desde este venres 1 de febreiro ata o próximo 30 de abril.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagos directos á agricultura e gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, coñecidas como PAC.

A partir deste venres, os gandeiros e agricultores poden presentar a súa solicitude única ás axudas por vía telemática, segundo destaca a Xunta nun comunicado.

O orzamento total das subvencións ascende a 210 millóns de euros, dos que 170 pertencen aos pagos directos da PAC e os 40 millóns restantes a medidas de desenvolvemento rural. Entre estas últimas figuran axudas a zonas con limitacións naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e subvencións para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas.

A Consellería do Medio Rural indica que mantén unha rede de colaboración con "máis de 50 entidades" -entidades bancarias, asociacións agrarias ou organizacións profesionais- para prestar apoio e asesoramento aos interesados.

A Xunta calcula que uns 30.000 agricultores e gandeiros solicitarán estas achegas, xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria.

Vacas. EUROPA PRESS - Arquivo
Vacas. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta