Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 13:55
Os alumnos dun colexio de Narón (A Coruña), situado na Rúa Río Seco, foron confinados por precaución na mañá deste xoves no patio do centro educativo debido á mala combustión da caldeira calefactora.
O mesmo persoal do centro foi quen chamou ao 112 Galicia sobre as 11,45 horas para alertar dun incendio nun deposito de gasóleo situado no patio exterior.
Por iso, por parte do 112 Galicia púxose en alerta ao persoal sanitario por se era necesaria a súa intervención. Do mesmo xeito, avisouse aos Bombeiros de Narón e á Policía Local. O persoal da empresa subministradora que abastece ao centro tamén foi informado.
Finalmente, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento indicaron que non se chegou a producir incendio, senón que ardeu o revestimento dos tubos dunha caldeira debido á sucidade acumulada, o que provocou moito fume no colexio.
Por ese motivo, os menores foron confinados no patio mentres os bombeiros comprobaron as causas que orixinaron o fume. Unha vez comprobadas, os menores volveron ás aulas "con total normalidade", asegurou o 112 Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.