O papel dos galegos na Guerra de Sucesión, máis aló da Batalla de Rande

O autor destaca a importancia das plataformas dixitais que dan "riqueza e multiplicidade de puntos de vista" aos contidos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

Unha obra analiza a contribución dos galegos na Guerra de Sucesión, quen, segundo destacou o autor, tiveron presenza en "moitas máis frontes" que a "sempre mencionada" Batalla de Rande. O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) presentou este libro, titulado 'Galicia na Guerra de Sucesión (1700-1714)', do catedrático de Xeografía e Historia no IES de Rosalía de Castro de Santiago de Compostela Leopoldo Fernández Gasalla.

Presentación no CSIC do libro 'Galicia na Guerra de Sucesión (1700-1714)'
Presentación no CSIC do libro 'Galicia na Guerra de Sucesión (1700-1714)' | Fonte: Europa Press

Con el, reconstrúe o modo en que a Galicia lle afectou a contenda. O acto, na delegación institucional en Galicia do CSIC, en Santiago de Compostela, contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara; o profesor de investigación do CSIC, Alfredo Alvar Ezquerra, e o propio autor.

O libro, de máis de mil páxinas, dividido en dous volumes, inclúese dentro da colección 'Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos'. Nel analízase a contribución de Galicia e dos galegos ao desenvolvemento da Guerra de Sucesión.

O autor da obra destacou que "é triste que a historia de Galicia quedase un pouco marxinada, limitada a dous feitos puntuais", e sinalou que "había presenza de galegos en moitas máis frontes" que os que se relatan habitualmente, como a Batalla de Rande.

Tanto Leopoldo Fernández como o resto de presentes na mesa compartiron anécdotas de como se construíu o libro e intercambiaron pareceres sobre algúns dos capítulos recollidos no libro.

Alfredo Alvar celebrou que se "saque adiante unha colección de historia en papel, que nestes tempos non é nada doado". Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística afirmou que "a historia de Galicia é parte fundamental" da cultura galega e que a obra debe ser "un orgullo para galegos e españois".

IMPORTANCIA DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

Os catro coincidiron en sinalar a importancia das novas tecnoloxías e da dixitalización no labor dos historiadores para poder levar a cabo proxectos como o do libro presentado este xoves.

Neste sentido, Alfredo Avara destacou o "traballo denodado e con tolemia" do autor, e puxo en valor o labor documental e de consulta de fontes que deron lugar a "máis de mil páxinas, tres mil notas a pé e 44 páxinas dedicadas á bibliografía".

O propio autor da obra admitiu a importancia das plataformas dixitais, que lle permitiron "consultar textos en diferentes idiomas" que "dan riqueza e multiplicidade de puntos de vista" aos contidos.

Eduardo Pardo de Guevara reflexionou sobre as posibilidades que ofrecen a dixitalización dos contidos e as novas ferramentas, mentres que Valentín García recalcou que "contribúen a un estudo rigoroso e permiten a ampliación de fontes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta