Acordo para non demoler o antigo edificio de Fenosa

As partes en litixio chegan a un acordo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deberá ratificar o consenso, alcanzado nun proceso de mediación

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 31/01/2019 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

As partes en litixio polo edificio da antiga sede de Fenosa, na Coruña, alcanzaron un acordo para evitar a súa demolición, que deberá agora homologar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), informa o Concello da Coruña.

Edificio Fenosa.
Edificio Fenosa.

O procedemento de mediación intraxudicial iniciado en outubro do ano pasado para lograr unha resolución consensual entre as partes sobre a sentenza que obriga ao derrube do edificio finalizou cun acordo, que se é homologado polo TSXG, "porá fin á controversia sobre o inmoble", sinala o goberno local.

O litixio comezou hai máis de 21 anos pola concesión, por parte do Concello da Coruña, dunha licenza de rehabilitación do antigo edificio de Fenosa, que foi anulada polo TSXG nunha sentenza de 2001, que acordaba a demolición do mesmo.

Posteriormente, tramitáronse diversos incidentes xudiciais formulados polo concello para evitar que o inmoble se derrubase tendo en conta que os custos de execución da sentenza están estimados nuns 60 millóns de euros, "o que levaría o Concello a unha insustentable situación económico-financeiro e cun elevado custo social", apunta.

MEDIACIÓN

Ao non existir máis alternativas no procedemento xudicial, en outubro, o Concello, a parte recorrente e a comunidade de propietarios do edificio acudiron á mediación, con axuda do despacho de avogados Roca Junyent, liderado por Pascual Salga, socio do despacho e expresidente do Tribunal Supremo e do Constitucional.

Na fórmula acordada polas partes, a sentenza executarase mediante a substitución de execución 'in natura' por unha serie de medidas de diverso alcance. Entre elas, estará o recoñecemento público da responsabilidade da Corporación municipal respecto da anulación da licenza urbanística e a adopción dun protocolo de boas prácticas urbanísticas.

Ademais, inclúe a construción por parte do consistorio dun edificio dunhas 50 vivendas de protección oficial no parque ofimático da Coruña, a proposta da parte recorrente e en concepto de renuncia desta a esixir a íntegra compensación que considera corresponderíalle. Tamén inclúe o recoñecemento dunha indemnización á parte recorrente.

O goberno local sinala que co acordo "se despexan incertezas sobre a situación urbanística do inmoble e impulsaranse accións para incluír o inmoble como 'edificio singular' na PXOM vixente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alpinista

Unha auténtica vergoña se a xustiza bendice esta pantomima. E sabendo que aquí a xustiza está politizada e nomeada por políticos... Pois se é ilegal, así declarado en firme, que se cumpra e derribe! 60 millóns a cambio de 50 vivendas, resulta a 1,2 millóns por pisiño, ou os culpables gañan 58 millóns! E se é un particular, un pobre que levanta unha cadiña ilegal, tiranlla e paga os gastos! Viva a xustiza de ricos, e o postureo dos concellos, de plena actualidade coa operación Chamartín!