Bugallo presenta o seu proxecto socialista "novo e sen complexos" para Santiago

Gonzalo Caballero, Pérez Touriño, Javier Losada e outros dirixentes socialistas arroupan o candidato na súa presentación na Sala Capitol

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 21:27

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou este xoves o seu "proxecto novo e sen complexos" co que aspira a que a capital compostelá "volva liderar Galicia" despois duns anos que cualificou como un "tempo perdido" para unha cidade que permanece "estancada".

Sánchez Bugallo preséntase como candidato á Alcaldía de Santiago
Sánchez Bugallo preséntase como candidato á Alcaldía de Santiago | Fonte: Europa Press

O socialista escolleu o día do seu 65 aniversario para facer a súa presentación oficial como aspirante a recuperar a Alcaldía compostelá, un acto que celebrou na Sala Capitol e no que estivo arroupado polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; entre outros destacados socialistas, e numerosos veciños.

"Síntome en estupenda forma física e mental, non teño ningunha ambición persoal, non quero ser nin candidato á presidencia da Xunta, nin deputado, nin senador. Só me interesa ser alcalde e sacar adiante á cidade", manifestou Sánchez Bugallo, que deixou claro que o seu equipo se presenta "exclusivamente" cunha "vocación de servizo a Santiago e aos seus cidadáns".

O candidato iniciou a súa presentación proclamando o seu amor á cidade que gobernou durante 12 anos. "A todos os que estamos aquí únenos unha soa cuestión, o amor pola nosa cidade, queremos a Santiago, queremos o mellor para Santiago e dóenos Santiago, porque todos vivimos o esforzo de construír unha cidade modélica", manifestou Bugallo.

"CIDADE PASMADA"

E é que aspirante socialista lamentou que neste últimos oito anos "pasaron moitas cosas" pero "poucas boas" para a cidade. "Deixan unha cidade peor que en 2011", sinalou. Así, tras referirse á "destrución" que, na súa opinión, supuxeron os anos de goberno do Partido Popular, considerou que moitos composteláns mesmo poden ver que o feito de que co goberno de Compostela Aberta "non pase nada" pode ser un "mal menor". "Pero a realidade é que esta cidade está pasmada", sinalou.

Unha vez feita esta descrición, Bugallo marcou como o "principal reto" do goberno que saia das municipais de maio a preparación do Xacobeo 2021, unha cita que, na súa opinión, na actualidade Santiago "non está en condicións de atender" e que debe poder afrontar na mellor situación.

Todo iso, nun discurso no que tamén lanzou unha mensaxe en clave interna. Así, tras recoñecer "erros" do pasado e referirse aos enfrontamentos que anteriores primarias locais puideron carrexar á agrupación local, mostrouse "moi satisfeito" polo equipo alcanzado e co que aspirará á Alcaldía compostelá.

"Cando se expuxo que eu fose candidato dixen que Mercedes (Rosón), Sindo (Gumersindo Guinarte) e Mila (Milagros Otero) tiñan que vir. Ou imos xuntos ou eu non me ía pelexar, temos que ser capaces de unir a cidade", indicou.

No acto tomaron a palabra varios veciños e representantes do tecido asociativo e cultural, que se mostraron "convencidos" de que Bugallo é o alcalde que Santiago "necesita" para volver enganchar " a esta cidade milenaria" á vangarda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta