Presentan demandas por 3.900 camións con sobrecusto polo cártel de fabricantes

O proceso legal comezou en 2016 cando a Comisión europea anunciara a imposición dunha multa de máis de 3.800 millóns de euros aos principais fabricantes de camións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2019 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

Afectados galegos comezaron a presentar demandas pola compra de camións con sobrecusto do cártel de fabricantes entre os anos 1997 e 2011. Segundo informa o despacho CCS Avogados, en Galicia presentáronse 939 demandas que implican a máis de 3.900 camións adquiridos. Por provincias, A Coruña conta co maior número de demandas (520) e camións afectados (2.420). Séguelle Lugo (210 demandas e 712 camións), Pontevedra (180 camións e 658 camións) e Ourense (29 demandas e 190 camións).

En España son unhas 7.300 reclamacións de 4.500 clientes que implican a máis de 34.000 vehículos, mentres as indemnizacións poderían superar os 700 millóns. Este proceso legal iniciouse en 2016 cando a Comisión Europea anunciou a imposición dunha multa de máis de 3.800 millóns de euros ao seis principais fabricantes de camións DAF, Daimler-Mercedes, Iveco, Renault-Volvo, Scania e MAN. Esta última acolleuse ao programa de clemencia e quedou excluída da multa por denunciar as prácticas infractoras do cártel.

A sanción foi imposta por Bruxelas ao grupo de fabricantes por pactar os prezos de venda dos camións entre os anos 1997-2011, por obstaculizar a introdución de novas tecnoloxías en materia de emisións e por repercutir aos compradores os custos de aplicación das devanditas tecnoloxías.

En abril de 2017 a Confederación Española de Transporte de Mercadorías (CETM), a maior do país, abriu un concurso entre bufetes de avogados nacionais e internacionais co fin de elixir a firma que prescribirían aos seus asociados para instar a reclamación fronte aos fabricantes, a elixida foi CCS Avogados.

Pola súa banda, tribunais alemáns especializados en dereito da competencia ditaron durante 2018 as primeiras sentenzas, con oito do nove falladas ata o momento favorables aos demandantes. En España, os afectados deberán percorrer un camiño que comezará nos xulgados do mercantil das súas provincias e presumiblemente acabará nas audiencias provinciais, sen descartar que algúns casos poidan chegar finalmente ao Tribunal Supremo.

Camións - Archivo
Camións - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta