O alcalde da Coruña ve "positivo" o acordo para evitar a demolición do edificio da antiga sede de Fenosa

Pide "prudencia" e esperar a que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifique o consenso, alcanzado nun proceso de mediación.

Por E.P. | A CORUÑA | 01/02/2019 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou de "positivo" o acordo alcanzado entre as partes para evitar a demolición do edificio da antiga sede de Fenosa, na Coruña, e pediu "prudencia" e esperar a que Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) homologue o consenso, alcanzado nun proceso de mediación.

"O acordo é positivo e, de confirmarse a homologación, vén pór fin a un proceso de máis de 20 anos que causou moitos prexuízos e que ata agora ninguén fose quen de porlle punto e final", respondeu a preguntas dos xornalistas durante a súa visita ao centro cívico de Santa Lucía.

O litixio comezou hai máis de 21 anos pola concesión, por parte do Concello da Coruña, dunha licenza de rehabilitación do antigo edificio de Fenosa, que foi anulada polo TSXG nunha sentenza de 2001, que acordaba a demolición do mesmo.

Posteriormente, tramitáronse diversos incidentes xudiciais formulados polo concello para evitar que o inmoble se derrubase tendo en conta que os custos de execución da sentenza están estimados nuns 60 millóns de euros.

Pero, ao non existir máis alternativas no procedemento xudicial, en outubro, o concello, a parte recorrente e a comunidade de propietarios do edificio acudiron á mediación.

PIDE "PRUDENCIA"

Agora, as partes alcanzaron un acordo que, se é homologado polo TSXG, "suporá que a execución da sentenza vaise a realizar pero farase a través dun equivalente e non a través da demolición do edifico", apunta o rexedor herculino.

Ferreiro pediu "prudencia" ante o desenvolvemento deste acordo e apostou por esperar a que o TSXG o ratifique "para falar máis sobre o seu contido". "Nun primeiro momento", segundo sinala Ferreiro, "a cantidade a pagar teraa que asumir o concello". Aínda que, engade, "despois veremos cales son as ferramentas legais para que o concello se poida ver resarcido parcial ou totalmente".

Xulio Ferreiro no pleno municipal. CONCELLO DA CORUÑA - Archivo
Xulio Ferreiro no pleno municipal. CONCELLO DA CORUÑA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta