A CIG chama á mobilización nas industrias electrointensivas para evitar o peche de empresas

Fai un chamamento a CC.OO. e UGT para buscar puntos de encontro nas propostas reivindicativas.

Por E.P. | A CORUÑA | 01/02/2019 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

A CIG fixo un chamamento á mobilización nas industrias electrointensivas para evitar o peche de empresas e a destrución de postos de traballo, segundo expuxeron os seus responsables nunha rolda de prensa para abordar a situación deste sector.

En concreto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, instou a non "quedar de brazos cruzados". "Porque despois de Alcoa poden ser os postos de traballo doutras empresas electrointensivas as que poden correr a mesma sorte", argumentou.

Nunha comparecencia xunto a delegados da CIG en empresas como Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic, ademais do secretario nacional de CIG- Industria, Xoán Xosé Bouzas, Carril avogou por continuar na loita por ser "o único camiño para garantir que se adopten as políticas públicas necesarias para defender o interese xeral".

CHAMAMENTO A CC.OO. E UGT

Desde o sindicato, fíxose un chamamento a CC.OO. e UGT para buscar puntos de encontro nas propostas reivindicativas e concretar un calendario de mobilizacións de "inmediato", así como incluír a convocatoria de xornadas de folga na industria electrointensiva.

No marco destas protestas, a CIG levará a cabo o 14 de febreiro unha concentración ante a Delegación do Goberno en Galicia. Farao coincidindo coa entrega da proposta que a central sindical elaborou para a creación dunha tarifa industrial estable.

Rolda de prensa da CIG sobre industria electrointensiva. CIG
Rolda de prensa da CIG sobre industria electrointensiva. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta