O Goberno central afirma que "xa se avalían ofertas" de compra para Alcoa

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, confirmou que se abordarán na reunión da mesa de seguimento, que terá lugar este martes.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/02/2019 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, confirmou que "xa se avalían ofertas" de compra para Alcoa e que estas se abordarán na reunión da mesa de seguimento, que terá lugar este martes.

A ministra Reyes Maroto visita Vigo en compañía de Abel Caballero
A ministra Reyes Maroto visita Vigo en compañía de Abel Caballero | Fonte: Europa Press

No marco dunha visita a Vigo, a ministra explicou que xa se comezaron a analizar as ofertas de compra aínda que, segundo subliñou, o obxectivo é garantir que a empresa sexa "competitiva". Por iso, insistiu en que se deberán valorar os puntos claves para a súa mellora e modernización.

Así mesmo, Maroto defendeu que, a pesar de que houbo "influencias alleas aos intereses dos traballadores" de Alcoa en relación ao peche proxectado para o pasado 15 de novembro, xa se traballa con políticas activas de emprego para a recolocación dalgúns traballadores, entre outras medidas. Así, recalcou que o obxectivo agora pasa por centrarse no mantemento do maior número posible de empregos.

A este respecto, a titular de Industria lembrou que o Ministerio que dirixe se comprometeu a axudar na procura dun investidor ou no mantemento das plantas, no caso de que se manteña a actividade produtiva.

ESTATUTO DE CONSUMIDORES ELECTROINTENSIVOS

Ademais, sinalou que o Estatuto de Consumidores Electrointensivos, un dos requisitos para ter un novo investidor, xa está en consultas públicas. Neste sentido, manifestou a súa confianza en que, con esa medida e a mellora do contrato de substitución, o posible investidor —ou Alcoa, no caso de que decida manter a actividade produtiva— poida ter unha ferramenta de flexibilización.

Adicionalmente, asegurou que "non entende as críticas da Xunta" á xestión, xa que o Goberno galego tamén "forma parte do acordo institucional". Nesta liña, a ministra tamén destacou que aínda que en principio os traballadores de Alcoa ían perder o seu emprego en novembro, finalmente non foi así, e puxo en valor a aposta do seu Goberno pola Industria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta