Anadigna, o nome da avoa dun adegueiro de Meaño que lle gañou un pleito a Codorníu

A empresa catalá alegou que se parecía á súa marca "Anna de Codorníu". O Tribunal Supremo fallou a favor da pequena adega de Albariño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2019 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo deu de forma definitiva a razón á adega Carlos Rei Lustres, que bautizou o seu albariño co nome da avoa do adegueiro, 'Anadigna', marca sobre a que a multinacional Codorníu alegou que xeraba confusión coa súa 'Anna de Codorníu'.

Segundo explica a adega que se sitúa no concello de Meaño (Pontevedra) nun comunicado, despois da loita nos tribunais, Carlos Rei Lustres viu ratificado o seu dereito a usar a marca. A colleita de 2018 será a primeira que sairá ao mercado co nome de quen ensinou ao adegueiro "a cultura do viño e o agarimo pola arte de elaboralo e facer as cousas ben".

Os feitos remóntanse a 2015, cando Carlos Rei Lustres rexistrou na oficina de patentes o nome 'Anadigna' para o seu primeiro viño, "un albariño monovarietal cultivado na leira que pertencía á súa avoa". Posteriormente, Codorníu e Pagos del Rey presentaron un recurso de alzada contra a inscrición e, a pesar de que a oficina nun primeiro momento deu a autorización por dez anos a Rei Lustres para o uso de 'Anadigna', retiroulla.

CONFUSIÓN CON 'ANNA DE CODORNÍU'

A multinacional do cava alegaba que 'Anadigna' xeraba confusión coa súa 'Anna de Codorníu' e a compañía da familia Pagos del Rey afirmaba que entraba en conflito cun dos seus viños brancos de Rueda, 'Analivia'. Por tanto, ao adegueiro da comarca do Salnés "non quedou máis remedio que acudir ao xulgado". Segundo afirma Carlos Rei no comunicado, "estas grandes empresas crense propietarias de todas as Ana, que é un nome propio, pero Anadigna era o nome da miña avoa".

O adegueiro viuse obrigado a acreditar co libro de familia o antropónimo da súa avoa, Anadigna Torres, para que os maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) lle deran a razón a finais de 2017 ao ditar que "o parecido fonético entre elas non é da entidade suficiente para que poida producir confusión no mercado".

Tamén engadiu que a adega arousá "pertence a unha denominación de orixe dun moi especial e valioso tipo de viño propio dunha rexión moi coñecida e específica --as Rías Baixas--, moi distinto aos outros viños e licores propios das outras empresas contendentes pola marca".

PRODUCIÓN ANUAL DE 9.000 BOTELLAS

Ademais, especificaba que "atopándose a explicación do nome comercial no feito de que a súa avoa se chamaba María Anadigna, afasta toda idea maliciosa de aproveitarse de calquera nome comercial ou marca alleas de parecida significación".

A maiores, a sentenza do TSXG recoñecía que Carlos Rei se limita a "aproveitar como negocio unha pequena adega de viño albariño de pouca extensión e mínima produción na súa casa matriz familiar" no municipio de Meaño.

A superficie de viñas case non alcanza a hectárea que se atopa repartida en catro leiras, cunha produción anual de 9.000 botellas fronte aos 45 millóns de botellas ao ano de Codorníu e as 70 marcas diferentes que comercializa Pagos do Rei con diferentes denominacións de orixe. Finalmente, o Supremo ratificou o dereito de Carlos Rei Lustres a utilizar a marca 'Anadigna' para así "manter a herdanza vitivinícola da súa familia".

CUSTO DA "BATALLA LEGAL" PARA A MARCA

Carlos Rei Lustres asegura que "aínda que a loita valeu a pena, a batalla legal tivo un custo para a marca difícil de cuantificar". "Eu puiden ir ao xulgado e esperar todos estes anos a que se solucionase porque a adega non é a miña principal fonte de ingresos, pero estes procesos poden afundir a unha pequena empresa que comeza un proxecto con máis ganas que recursos económicos", engadiu o adegueiro.

Tamén criticou que "estas grandes compañías teñen bufetes de avogados e teñen que xustificar ese gasto, e para eles non significa nada, pero a unha empresa emerxente pódena afundir". Rei Lustres sinalou que os cambios na nomenclatura "foron un grave impedimento para o despegamento comercial da marca e, por suposto, un enorme gasto".

A adega non só tivo que afrontar os custos derivados do proceso legal, senón que cando lle denegaron o uso da marca despois de ser aceptada inicialmente, Carlos Rei Lustres "viuse con 3.000 botellas etiquetadas e empaquetadas que non podía sacar ao mercado por levar o nome da súa avoa".

DANOS E PREXUÍZOS "DIFÍCILES DE VALORAR"

Deste xeito, destaca que "perdeu un ano completo creando outra marca, 'Nadigna', adaptando os deseños, modificando o logotipo, imprimindo e cambiando de novo todas as etiquetas, caixas, material corporativo...".

Ademais, sinala que aínda que podería reclamarlles danos e prexuízos, "son difíciles de valorar". Con todo, tras tres anos de loita, Rei Lustres "confórmase con saír vitorioso e con ver nas etiquetas da súa colleita do 2018 o nome de quen lle infundió o seu amor polo viño".

Anadigna, o viño albariño que lle gañou a batalla xudicial a Codorníu
Anadigna, o viño albariño que lle gañou a batalla xudicial a Codorníu

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta