O renacer do negocio éolico: Promotores estiman investimentos de 5.000 millóns

Piden un "marco estable" e reivindican que a comunidade galega é un 12% máis eficiente na produción desta enerxía que a media.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2019 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) estima en 5.000 millóns de euros o investimento que "se fará" entre os anos 2020 e 2030 durante a construción dos novos parques eólicos previstos.

Ante este escenario, pide "un marco regulatorio estable, con consenso político e que perdure, en aras de lograr unha visibilidade a longo prazo que xere confianza nos investidores á hora de tomar decisións industriais". A finais de 2018, apuntan os promotores eólicos nun comunicado de prensa, Galicia contaba con 3.423 megawatts de potencia instalada, sobre un 14,5% do total de España, repartida en 162 parques en explotación.

E para o final deste ano 2019, como consecuencia da posta en servizo dos parques previstos, prevén unha potencia total instalada duns 4.000 megawatts. Segundo estes datos, sinalan que Galicia ocupa na actualidade o terceiro posto en potencia instalada, por detrás de Castela e León (5.591 MW) e Castela-A Mancha (3.847 MW).

"Por tanto, cando finalice o ano en curso, preténdese recuperar a máxima potencia instalada nun ano, un ritmo aproximado de instalación que se observou nos anos da primeira implantación eólica", resalta EGA. As previsións para o decenio 2020-2030 apuntan a que se construirán uns 4.500 megawatts novos, o que duplicará a potencia instalada.

MÁIS DE 8.000 EMPREGOS

En canto ao emprego, agrupando o que corresponde a parques en construción e en explotación, calculan que se xerarán máis de 8.000 postos de traballo novos e que superarán os 12.000 en total vinculados "directamente" ao sector.

"A tecnoloxía eólica, igual que a biomasa, será a que máis poida crecer en Galicia, porque non se van a facer novas centrais hidroeléctricas. E aquí non temos nin sol nin territorio para poder facer rendible a enerxía fotovoltaica, de tal forma que a eólica en Galicia ten aínda moito percorrido", reivindican.

Segundo EGA, a media da xeración eólica anual en Galicia sitúase na contorna dos 8.122 gigawatios hora durante o últimos cinco anos, e foi 2013 o ano de maior xeración ao producir 9.541 gigawatios hora.

A media de funcionamento dos parques neste período foi de 2.420 horas anuais, mentres que en España baixa a 2.160 horas anuais, de acordo coas súas cifras, do que deducen que o parque de xeración eólica en Galicia é un 12% máis eficiente que a media do parque eólico nacional.

Parque eólico de Malpica. ELECNOR - Arquivo
Parque eólico de Malpica. ELECNOR - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta