A sombra de Casado e Vox centran o debate entre autonomismo e centralismo do PPdeG

O PPdeG defende a súa "coherencia" no debate competencial mentres a oposición tacha a Feijóo de "catavento". En Marea e PSdeG abordarán o debate na sesión de control e o BNG avanza unha "ofensiva para conseguir máis poder político".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2019 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O PPdeG defendeu este martes a súa "coherencia" no debate sobre a transferencia de competencias desde o Estado á Administración autonómica fronte ás críticas lanzadas desde os grupos da oposición, que tacharon de "catavento" ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, polo seu "novo cambio de opinión" despois de que o pasado luns acusase o Goberno central de empregar o traspaso competencial como "veo" para ocultar a "falta de respecto" con Galicia do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE).

O debate competencial resoou este martes no Parlamento galego durante as comparecencias de prensa celebradas tras a reunión da xunta de portavoces que definiu a orde do día do pleno da Cámara galega da próxima semana, no que, ademais do traspaso de competencias, a situación da sanidade pública volverá ter un papel central.

Despois de que os portavoces dos grupos da oposición --Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG)-- criticasen ao Goberno galego por escudarse nas partidas para Galicia do PGE para esquivar o debate sobre o traspaso de competencias, o portavoz popular na Cámara, Pedro Puy, reivindicou a "coherencia" do PPdeG na defensa do "autonomismo".

"Non tentamos confundir nin enganar a ninguén, porque levamos moitos anos defendendo o interese de Galicia", remarcou Puy, quen remarcou que os populares apoian a asunción de competencias por parte da Administración autonómica a condición de que supoñan "que os cidadáns saquen proveito delas".

Ao fío disto, apuntou que no debate competencial "están a dicirse cousas sorprendentes vindo de quen veñen", en alusión directa ao BNG, aos que acusa de "insistir" na reclamación dunha tarifa eléctrica propia para Galicia ou na creación dunha cota similar ao vasco cando existen organismos que sinalan que estas medidas suporían "perdas" económicas para a comunidade.

A continuación, Pedro Puy subliñou que, para os populares, "o Estado autonómico tal e como está na Constitución está practicamente desenvolvido", aínda que matizou que "iso non quere dicir que non quede espazo para melloralo", sempre que leve a cabo "con transparencia".

Ademais, puxo o foco en que o PPdeG defende que "o Estado non se baleire da súa capacidade de redistribución". Isto último, sumado á idea de que as transferencias sexan "en proveito" da sociedade de Galicia serán, segundo Puy, os alicerces da "posición" dos populares "ao longo de todo este proceso".

"O que si é necesario é que o Estado coopere", engadiu Puy, que cre que esa colaboración debe "empezar" polo PGE, o que lle serviu para criticar ao Partido Socialista por defender un anteproxecto no que, como lembrou, Galicia "pasa de ter o 10 ao 6 por cento" do investimento total. "É un argumento ao que non se quen lle pode facer caso", apostilou.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Antes, os portavoces da oposición criticaran ao Goberno galego e o seu presidente polo que entenden como "un xiro" no seu discurso respecto ao debate competencial. Un cambio de postura que cren froito das presións do seu partido a nivel estatal e o "auxe recentralizador" do seu líder, Pablo Casado.

Para Luís Villares, o "disfrace de autonomista duroulle moi pouco" a Núñez Feijóo. "Santiago Abascal e Pablo Casado déronlle o toque a Feijóo, por iso tivo que rectificar", incidiu o portavoz de En Marea, que opinou que o xefe do Executivo galego é "un catavento" que "antes viraba segundo o vento de Madrid e agora parece que segundo o de Andalucía".

Por iso, avanzou que a pregunta ao presidente na sesión de control do Parlamento estará centrada no "decenio negro" da súa etapa á fronte da Xunta en materia de competencias mentres "sete comunidades conseguían transferencias".

"Rajoy non pechou a billa a todos, pechoullo a quen non o quería abrir. Agora revélase o auténtico Feijóo, o que non cre na autonomía. Non se pode ser centralista e autonomista a un tempo", remarcou.

Tamén os socialistas cuestionarán sobre este asunto ao xefe do Goberno autonómico durante a sesión de control, como indicou o seu portavoz na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen concretou que preguntará a Feijóo "como" e "cando" pretende conseguir algún traspaso de competencias.

"Leva gobernando dez anos e parece que para el o momento é nunca", dixo Leiceaga, que asegurou que "non hai novo Estatuto porque Feijóo dixo que non, non hai novas competencias para Galicia cando o PP estivo no Goberno central porque non houbo reclamacións por parte do señor Feijóo".

Por último, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "ridículo sideral" o "novo cambio de opinión" do presidente galego no referente ao autogoberno despois de que antepuxese o PGE ao traspaso de competencias.

"A ciencia demostrou que os humanos podemos defender dúas cousas á vez: un trato xusto no PGE e reclamar máis poder de decisión para o noso país", subliñou Pontón, que tirou dunha cita atribuída a Groucho Marx para ironizar sobre o comportamento de Feijóo: "Estes son os meus principios, se non lle gustan teño outros".

O portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy. PPDEG
O portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta