O Concello de Santiago abriu tres expedientes aos donos da casa da Algalia, que volveu ser 'okupada'

Integrantes de Escárnio e Maldizer volveron ao inmoble tras ser desaloxados en 2017.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2019 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago abriu tres expedientes aos propietarios do casarón da rúa Algalia, na zona histórica compostelá, que volveu a ser okupada polos integrantes de Escárnio e Maldizer e que en 2017 foran desaloxados con moita tensión na rúa.

Casa okupada da Algalia en Santiago de Compostela
Casa okupada da Algalia en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

O rexedor compostelán, Martiño Noriega, indicou que unicamente teñen noticia da denuncia dos propietarios a través dos medios de comunicación, pero ratificou as actuacións que levou a cabo estes anos o goberno local.

Así, explicou que se abriron tres expedientes. Un en 2017 polo tapiado da casa, no que se informou de que non se cumpría a normativa do plan especial, polo que se iniciou o expediente de reposición da legalidade e sinalouse que se admitiría o tapiado por dentro das portas, pero "nunca por fóra". O tapiado exterior eliminouse pero non se aplicaron as outras medidas, aínda que este expediente xa quedou pechado.

Hai un segundo (pendente de pechar) por elementos en risco de caída do inmoble, que devén da reapertura doutro do ano 2010 sobre o estado da fachada traseira. En xuño de 2018 reabriuse o expediente e en outubro a propiedade foi apercibida para que retirase os elementos que presentaban risco de caída na parcela libre traseira, e advertíuselle de que no suposto caso de que se incumprise, procederíase á execución forzosa, impondo á propiedade multas coercitivas de 1.000 a 10.000 euros, que se reiterarían trimestralmente ata a execución.

O terceiro expediente, de licenza, está vinculado co anterior. En abril de 2018 a propiedade solicitou licenza de obras de restitución e subsanación dos elementos catalogados en fachada, presentouse proxecto e en setembro notificouse que debía presentar documentación complementaria para obter licenza, advertindo de que o expediente caducaba ao tres meses.

En xaneiro de 2019 declarouse a caducidade do expediente porque non se presentou esa documentación complementaria, segundo a información ofrecida este martes polo alcalde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta