A Xunta cre que o debate competencial é unha "cortina de fume" ante os "recortes" dos PGE

O BNG afea ao PP que "repregue veas" no tocante a reclamar máis competencias e cre que o cambio de postura se debe a "un toque" recibido desde Madrid

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A Xunta, da man do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, volveu a insistir na idea de que o Goberno central emprega como "cortina de fume" o debate competencial para tapar a caída do investimento para Galicia que establece o anteproxecto dos Presupostos Xerais do Estado (PGE).

"Iso si é un recorte para o noso autogoberno", incidiu o exdelegado do Goberno durante a súa intervención na Comsión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia.  Villanueva respondeu alí a unha pregunta do deputado do BNG, Luís Bará, sobre o desenvolvemento da Lei de policía galega e a demanda ao Executivo central das competencias en seguridade viaria.

Santiago Villanueva incidiu en que "a postura" do Goberno galego "é a de sempre" e que, por tanto, "non vai renunciar" a alcanzar "o teito competencial" para a Comunidade autónoma, sempre que a asunción de novas responsabilidades "sexan útiles" para a cidadanía.

Con todo, como sostiveron nos últimos días diferentes mandatarios do Executivo autonómico, o responsable de Interior censurou que se empregue o debate competencial como "cortina de fume" para esconder a caída do investimento do Estado en Galicia.

O BNG CENSURA QUE O PP "REPREGUE VEAS"

Segundo o parlamentario nacionalista Luís Bará, o PPdeG realiza "a técnica da marcha atrás" despois de que "desde Madrid lle desen o toque" por apoiar unha iniciativa -precisamente na Comisión 1ª do Parlamento- na que reclamaban para Galicia o mesmo teito competencial que teñen Euskadi e Cataluña.

Bará lamentou que a Xunta "repregue veas" e que se escude nas partidas para Galicia do PGE para "esquivar" o debate competencial que, como lembrou, presenta un "balance de cero patatero" no case dez anos de Feijóo á fronte do Goberno galego. Por iso, incidiu en que defender máis competencias para Galicia e un "trato xusto" nos orzamentos xerais non son posturas excluíntes.

POLICÍA GALEGA

Así mesmo, Santiago Villanueva afirmou que Galicia "só" poderá contar con Policía propia "se hai un cambio lexislativo", xa que a Constitución española limita esta posibilidade.

Con todo, reclamou un aumento no persoal da Policía adscrita á Comunidade -coñecida como Policía autonómica-, que "debería ter 500 efectivos", número que se alcanzou "durante os peores anos da crise", pero ao que non se chega na actualidade.

112 GALICIA

Por outra banda, o director xeral de Emerxencias e Interior tamén respondeu a unha pregunta, neste caso efectuada polo Grupo Popular, relativa aos cambios implementados no servizo do 112 Galicia.

Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior
Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior


Villanueva destacou as "melloras" establecidas no Centro Integral de Atención ás Emerxencias, como a posta en marcha "das redes sociais" ou o "acceso prioritario das chamadas" dos alcaldes de municipios á central, medida que pretende fomentar "unha xestión máis fluída e directa ante as emerxencias". Tamén resaltou a implantación "do protocolo e-Call", un sistema polo que os vehículos que o teñen instalado poden comunicarse de maneira directa coa central do 112 en caso de accidente grave.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta