O PSdG pide "pedagoxía política" sobre Cataluña e acusa o PP de "abrazar a derechona"

Losada atribúe as critícas de socialistas referidas á figura do relator a que "faltaba un pouco de coñecemento" sobre a postura do Goberno

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que o Goberno de Pedro Sánchez debe facer "pedagoxía política" para explicar as súas decisións na busca de solucións "dentro do marco constitucional" ao conflito catalán. Á súa vez, acusou ao Partido Popular de abrazar "á dereita e á derechona".

Acerca do malestar xurdido en sectores do PSOE logo de que Sánchez aceptase a figura dun relator nas negociacións con Cataluña,  Caballero destacou que a posición do partido "é clara" e pasa por "buscar vías de diálogo dentro do marco constitucional" que cumpran co Estado de Dereito.

"E, nesa liña, o Goberno ten a marxe de acción que lle compete para buscar todos os mecanismos que faciliten canalizar unha solución dialogada, democrática e constitucional", defendeu o secretario xeral do PSdeG, que deixou claro que o Executivo de Sánchez "non pasará ningunha das liñas vermellas que non son asumibles dentro do marco constitucional".

Fronte a iso, criticou que o Partido Popular estea "a expor unha liña de acción desmesurada de crispación, de tensión política" que, na súa opinión, non é positiva para a democracia española. "Por tanto, pediríalle ao PP que teña lealdade constitucional, que entenda as capacidades do Goberno para gobernar e buscar solucións dentro do marco constitucional", sinalou.

E é que, segundo censurou, o vindeiro domingo o Partido Popular "vai sacar a súa estratexia do abrazo á dereita e á derechona" -en referencia a Ciudadanos e Vox, formacións coas o PP que prevé manifestarse en Madrid contra o Executivo central tras as súas posicións sobre Cataluña-. "Van saír á rúa para expor unha liña que xa definiron e que ten como obxectivo botar ao Goberno socialista de España", censurou.

POSICIÓN DO DELEGADO DO GOBERNO

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou que en Cataluña "hai un problema de diálogo, de acordos". "Hai que miralo cunhas lentes do século XXI", sinalou Losada, que cre que o que quere a sociedade é que "se incentive o diálogo".

Nesta liña, considerou que, dentro da lei, do Estatuto de Autonomía e da Constitución, os partidos políticos en Cataluña "necesitan unha mesa de diálogo". "E parece que necesitan a alguén incluso ata para que poida chamalos para que senten na mesa", indicou.

Isto é o que, na súa opinión, dixo a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, esta semana co ánimo de "incrementar o diálogo". "A algunhas das opinións que escoitamos por algúns compañeiros, eu creo que lles faltaba un pouco de coñecemento do que en realidade estaba a dicir a vicepresidenta", apuntou. Por iso, pediu "non pechar os ollos" ao feito de que "en Cataluña existe un déficit de falar entre os partidos políticos".

O delegado do Goberno, Javier Losada, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero
O delegado do Goberno, Javier Losada, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta