A Xunta ataca a Pedro Sánchez polo relator para Cataluña, pero obvia que Aznar negociou con ETA

O Goberno galego aproba unha declaración institucional na que denuncia a estratexia do Goberno central. Di que "menoscaba" a autonomía galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O PP está seguindo liña a liña o argumentario do seu líder en Madrid, Pablo Casado, para exprimir políticamente o conflicto con Cataluña. E, por iso, este xoves deu un paso poucas veces dados, que é o de utilizar a Xunta para aprobar unha declaración institucional contra Pedro Sánchez e o Goberno central. Así, acusa o Goberno de "menoscabar" a autonomía galega coa adopción da figura do relator para a mesa de partidos na negociación coa Generalitat e denuncia que se trata de "un paso máis da cadea de concesións" de Pedro Sánchez cos independentistas cataláns.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o encargado de ler, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello --o presidente, Alberto Núñez Feijóo, atópase de viaxe institucional--, este texto de "rexeitamento a políticas cómplices que debilitan o Estado" e a "democracia". "O Goberno galego non debe nin pode ser un mero espectador de acontecementos que poden pór en risco conquistas democráticas que son de todos", asevera.

Neste contexto, a Administración autonómica considera que o 'procés' catalán é un "mal chamado conflito político", xa que "en realidade é un golpe á legalidade". "E a estas discriminacións de tipo político únense outras de carácter orzamentario", engade, en referencia á diminución de investimentos en Galicia prevista no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2019.

"Tan grave como a groseira discriminación investidora da que é vítima Galicia, é a consideración de que Cataluña foi severamente maltratada polos gobernos anteriores. Aí está outro argumento independentista que o Executivo central fai seu", lamenta a Xunta na declaración, á vez que valora a "resposta decidida" feita por anteriores gobernos centrais, "con independencia da súa cor política".

E é que, de acordo co texto, Pedro Sánchez "accede" a mediar "á marxe das institucións políticas" e ao "golpe contra a legalidade" que supón a figura do relator, igual que "o fixo na reunión de Barcelona do pasado decembro". "E así o fai precisamente agora, a piques de iniciarse o xuízo contra os autores do intento anticonstitucional", engade.

"Galicia ve como un Goberno que debería gobernar para todos se está convertendo en refén dos que non agochan o seu propósito de destruír a España democrática. Está a primar a resistencia no Goberno custe o que custe, sobre a idea de gobernar", critica a Xunta.

"NON TEN NINGÚN SENTIDO ENTRAR EN COMPARACIÓNS"

Posteriormente, preguntado sobre se a polémica en torno ao relator é similar ao proceso negociador do Executivo de José María Aznar coa banda terrorista ETA, Rueda respondeu que "non ten ningún sentido entrar en comparacións", posto que "o que está a pasar agora mesmo en España é o que ao goberno da Xunta de Galicia lle corresponde valorar". "Retrotraerse a cousas e valorar que é máis grave ou non, leva a pouco", asegurou.

"A declaración institucional deixa lugar a poucas dúbidas con respecto á valoración que merece á Xunta, insisto, no que non só coincidimos moitos galegos e galegas, senón tamén representantes do Partido Socialista que teñen responsabilidades de goberno noutras comunidades autónomas", explicou o vicepresidente.

Sobre se a Xunta levará a cabo algunha acción máis aló do texto aprobado este xoves, Rueda apostou pola "democracia e os seus mecanismos para actuar", posto que a Administración autonómica "non se vai a quedar calada nin de brazos cruzados".

Ademais, o tamén presidente do PP de Pontevedra descartou pronunciarse sobre se membros do partido en Galicia acudirán ás mobilizacións convocadas para este domingo en Madrid polo líder da formación, Pablo Casado, en protesta á xestión do conflito catalán por parte de Sánchez.

"Estou seguro de que haberá representantes do Partido Popular de Galicia á manifestación, pero o alcance da representación non corresponde dicila aquí", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

É os signo claro da incompetência, dedicar-se ao que não são das suas responsabilidades. E assim desviam a atenção das suas competências.