'A sombra da lei' e 'Trote', favoritas nos premios Mestre Mateo

Estes dous filmes suman 15 candidaturas cada un. Tamén optan a varios galardóns a serie 'O sabor das margaridas' e o documental 'Versogramas'.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/02/2019 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

Os filmes 'A sombra da lei' e 'Trote' suman 15 candidaturas cada unha para os premios 'Mestre Mateo', que promove a Academia Galega do Audiovisual. Tamén optan a varios galardóns a serie 'O sabor das margaridas', a longametraxe 'Contou Rosalía', o programa 'Land Rober Tunai Show' e o documental 'Verosgramas'.

Lectura finalistas XVII edición premios Mestre Mateo. ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL
Lectura finalistas XVII edición premios Mestre Mateo. ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL | Fonte: Europa Press

A primeira rolda de votacións dos académicos situou a 'A sombra da lei' e 'Trote' como as producións máis votadas entre as 167 que se presentaron a esta décimo sétima edición dos premios. Fronte as quince candidaturas de cada unha delas, a serie 'O sabor das margaridas', conta con oito; a longametraxe 'Contou Rosalía', con sete, e o programa 'Land Rober Tunai Show' e o documental 'Versogramas', con catro cada un.

'A sombra da lei' opta a facerse co galardón á mellor longametraxe, mellor dirección, así como a dirección de arte, de fotografía, de produción e guión, maquillaxe, barbaría, montaxe, son, música orixinal e vestiario. Tamén compiten Michelle Jenner e Luís Tosar pola mellor interpretación protagonista e Adriana Torrebejano e Ernesto Alterio polas de reparto. 'Trote', pola súa banda, opta a 15 candidaturas en 13 categorías diferentes.

Entre elas, está mellor longametraxe ou mellor dirección e mellor guión para Xacio Baño, que comparte esta última con Diego Ameixeiras. Ten tamén cinco candidaturas no caso da interpretación: reparto para Melania Cruz, Tamara Canosa e Celso Bugallo e protagonistas para María Vázquez e Fede Pérez.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou este xoves, nun acto conducido por Neves Rodríguez e Adrián Díaz no Centro Ágora da Coruña, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas en cada unha das 25 categorías destes premios, que se entregarán nunha gala o 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña.

OUTROS FINALISTAS

'Buscadores de naufraxios', 'Land Rober Tunai Show', 'Malo será!' e 'Zig Zag Fin de semana' competirán tamén polo premio ao mellor programa de televisión, mentres que María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez farán o propio polo mellor de comunicador ou comunicadora.

'Os Mariachi', 'Serramoura' e 'Viradeira' disputarán o de mellor serie con 'O sabor das margaridas'. Entre os documentais presentados, os académicos e académicas elixiron como finalistas 'Idénticas', 'O caso Diana Quer 500 días', 'Tódalas mulleres que coñezo' e 'Versogramas'.

'A meniña azul', 'Beautiful boy', 'Limbo' e 'Mouras' son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe de imaxe real, mentres que 'Fin da cita', 'Luscofusco', 'Peixes' e 'Son unha tumba' farano no de mellor curtametraxe de animación.

'Comparte a maxia', 'Onde empeza a túa pel', 'Larseiros' e 'Ti' na de mellor anuncia, mentres que en mellor videoclip figuran 'Agora ou nunca' (Adhesivo feat Macaco), 'O astronauta que viu a Elvis' (Love of Lesbian), 'Eu non sei por que' (Boyanka Kostova) e 'A gran onda' (Delafé).

A actriz Rosa Álvarez (Sexa Bests) compite polo premio á mellor interpretación feminina xunto a María Vázquez (Trote), Melania Cruz (Contou Rosalía) e Michelle Jenner (A sombra da lei). En mellor interpretación masculina, están Antonio Durán 'Morris' (Os Mariachi), Luís Tosar (A sombra da lei), Toni Salgado (O sabor das margaridas) e Xosé A. Touriñán (Land Rober Tunai Show).

Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Adriana Torrebejano (A sombra da lei), Beatriz Serén (Pazo de Familia), Melania Cruz e Tamara Canosa (ambas as dúas por Trote). Na categoría masculina, compiten Celso Bugallo (Trote), Denis Gómez (O sabor das margaridas), Ernesto Alterio (A sombra da lei) e Fede Pérez (Trote).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta