Críticas a Feijóo por ir de manifestación coa ultradereita e á TVG por "silenciar" a de Compostela e emitir a de Madrid

Partidos políticos e cidadáns expresaron o seu rexeitamento á posición adoptada polo presidente da Xunta, que participou na manifestación convocada por PP, Ciudadanos e Vox, e secundada por grupos falanxistas e neonazis. Tamén criticaron a emisión en directo na TVG da protesta en Madrid, mais non da de Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/02/2019 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Mentres milleiros de cidadáns se manifestaban este domingo en Santiago de Compostela contra os "recortes" sanitarios, a "precarización" e o impulso á "privatización" por parte do goberno do PP na Xunta, o Partido Popular de Galicia, co presidente Alberto Núñez Feijóo á cabeza, manifestábase en Madrid contra o Goberno de Pedro Sánchez polas negociacións co Govern catalán, canda o partido ultradereitista Vox e grupos falanxistas e neonazis (Falange Española de las Jons, Hogar Social e España 2000 sumáronse a esta protesta convocada por PP, Ciudadanos e o partido de ultradereita Vox).

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

O propio Feijóo xustificaba así a súa presenza en Madrid, a golpe de chío en Twitter desde a Plaza de Colón da capital do Reino de España: "La Constitución consagra la igualdad entre personas y comunidades. Cuando un Gobierno vulnera este principio, la España que no se resigna sale a la calle a defenderlo".

Ao ser preguntado en Madrid se se sentiu incómodo con Vox, Falanxe ou España 2000 nesta manifestación, Feijóo sinalou que el acudiu a manifestarse co PP e engadiu que "todos aqueles que defenden e aceptan a Constitución e a convivencia son benvidos" a esta convocatoria.

Este feito non pasou inadvertido para moita xente e partidos políticos, que expresaron nas redes sociais e nas rúas de Compostela as súas críticas a Feijóo por aliarse coa extrema dereita en Madrid.

Co cántico 'Coa lea que hai aquí, Feijóo está en Madrid', os manifestantes en Santiago de Compostela criticaron a presenza do presidente da Xunta na protesta de Colón en Madrid, contra a que arremeteron en especial os líderes dos partidos da oposición.

Para o portavoz de En Marea, Luís Villares, "mentres Feijóo se pasea nunha marcha convocada por falanxistas en Madrid, unha marea humana de xente maniféstase en defensa da sanidade pública, mellores servizos públicos, mellor atención, non máis recortes, recursos suficientes en atención primaria e en hospitais" e "contra o negocio na sanidade".

Desde as filas do PSdeG, Gonzalo Caballero, incidiu en que o problema é o "retroceso nas políticas sanitarias de Feijóo e do PP", censurando que "o presidente da Xunta debería estar a gobernar Galicia no canto de porse a disposición de Casado e o seu pacto coa ultradereita".

E a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dirixiu as súas críticas tanto a Feijóo como ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, do que pediu a súa dimisión. Arremeteu tamén contra a presenza do presidente da Xunta en Madrid: "Feijóo ten moi claro onde quería estar hoxe, en Madrid, con ese trifachito de PP, Ciudadanos e Vox, abrazando un discurso de extrema dereita, en contra dos intereses de Galicia" e "desa idea rancia e carca do Estado español que ao final comparte con ultradereita".

Feijóo replicou á oposición que é "o representante ordinario do Estado en Galicia porque os galegos así o pediron e así o votaron". Desde esta perspectiva, incidiu en que como "representante ordinario do Estado en Galicia", non pode estar "en ningún caso calado ante unha vulneración das competencias do Estado e ante unha falta de respecto a unha parte do Estado, que é Galicia, nesa mesa de negociación entre o Goberno central e a Generalitat".

"Están a negociarse cousas que afectan a Galicia e en consecuencia mostramos a nosa clarísima repulsa, con acougo e tranquilidade, e unha formulación moi clara, que esa negociación non se pode producir e que nin este presidente nin o de ningún goberno de España ten lexitimación para negociar algo innegociable, a soberanía de España", remarcou.

Alén das críticas entre políticos, houbo moitos cidadáns que non pasaron por alto que a TVG conectase en directo coa Plaza de Colón para dar boa conta da manifestación españolista e 'silenciase' a de Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública, relegada a un segundo plano no Telexornal. A canle pública volveu, unha vez máis, a ser acusada de "manipulación" informativa polo tratamento que fixo de ambas as manifestacións

Esta é unha escolma de chíos publicados en Twitter con críticas a Feijóo e a TVG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Lalo

A TVG, que foi en tempos unha das institucións máis valoradas polos cidadáns, é hoxe unha rémora para conquerir unha Galicia moderna e democrática. Cos millóns de euros que custa a TVG e todo para ter unh a medio ao servizo da dereita máis rancia, habería que ir pensando en pechala. ¿Para qué seguir pagando un medio que perxudica os intereses dos galegos? Que a pechen dunha vez.

2 Cruña

Normal, que va a hacer Feijóo en una manifestación con banderas comunistas y separatistas.

1 Gamela

Foi lástima que os convocantes desta manifestación non fixeran un chamamento dende a praza da Quintana a achegarse a Monte Pío para agardar pola chegada do Presidente de Galicia! Seguramente ese escrache tería máis repercusión nos medios galegos e mesmo remataría nos tribunais de xustiza! Está claro que a Sanidade Pública non se defende nos lugares típicos do nacionalismo galego! Se queremos que os xestores da privatización dimitan e dar un xiro copernicano ao tema cómpre ir máis alá da Quintana de vivos e mortos! E non esquezamos que os primeiros en botarse ás rúas foron os xefes de servizo de Vigo que están a xogarse a súa carreira profesional ! https://youtu.be/e85k0DfROJk