A ministra de Industria confía en atopar un comprador para Alcoa porque a empresa vai dar "facilidades"

Reyes Maroto considera que a planta "pode ser rendible nun mercado como o do aluminio primario", no que "hai unha gran demanda".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2019 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A ministra de Industria, Reyes Maroto, "confía" en atopar pronto un comprador para Alcoa, que garanta "non só a viabilidade a curto prazo, senón tamén o futuro dunha planta" que considera que "pode ser rendible nun mercado como o do aluminio primario", no que "hai unha gran demanda".

A ministra de Industria, Reyes Maroto, en entrevista na Cadea Ser. CADEA SER
A ministra de Industria, Reyes Maroto, en entrevista na Cadea Ser. CADEA SER | Fonte: Europa Press

Reyes Maroto puxo como exemplo o caso de Vestas, para a que se atopou un "bo investidor, de capital español" e avanzou que se analizarán "en profundidade" as ofertas dispoñibles, segundo manifestou en entrevista na Cadena Ser .

Aínda que Alcoa "sempre foi moi remisa" a vender a planta, agora "púxose por escrito o acordo no que a empresa se compromete a dar facilidades para vender".

"Eu pedinlle responsabilidade á empresa porque Alcoa ten que ser parte da solución", remarcou.

Ante as ofertas existentes e a postura da empresa valora que o momento actual, "a día de hoxe, é moito mellor que ao principio".

Maroto asegurou que a súa reunión cos traballadores foi "moi proveitosa" e permitiulle transmitirlles o "compromiso" que o Goberno "sempre tivo".

Defendeu ademais as últimas xestións do Goberno, coa creación da comisión de seguimento esta semana, que permite "dar ese marco de actuación no que as administracións, neste caso, Goberno e Xunta, os traballadores e Alcoa" propicien "as solucións definitivas a esta crise.

E xunto a isto, lembrou novos "instrumentos" desenvolvidos polo Goberno, como o Estatuto da Industria Electrointensiva ou a "mellora" do contrato de substitución, que "van axudar a conseguir ese investimento".

ERTE EN FERROATLÁNTICA

Á preocupación pola situación da planta de Alcoa da Coruña sumouse nas últimas semanas a de Ferroatlántica na Costa da Morte —nas factorías de Cee-Dumbría— ante o anuncio dun ERTE durante dous anos.

Ante isto, Reyes Maroto puxo en valor o "éxito" do Plan Reindus que pretende "garantir o futuro da industria, que sexa un elemento tractor da economía galega e española" ao que se acompañará cunha folla de ruta que se presentará "moi pronto" no Consello de Ministros.

"Vainos a dar fortalezas para que as empresas poidan atopar esa competitividade que nos últimos anos perderon, froito tamén da ausencia de política industrial e dun Ministerio de Industria que se viu que era necesario recuperar e este goberno fíxoo", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta