Proxecto Cárcere da Coruña, o polémico peche dun proxecto de dinamización cidadá

Proxecto Cárcere é un colectivo que tenta darlle outra vida á vella cadea provincial da Coruña e ao que o PP acusa de "amiguismo" coa Marea Atlántica. Logo de diferentes actuacións por parte de voluntarios, sen que houbese comunicación co Ministerio do Interior, propietario do edificio, o Concello da Coruña comunicou a intención de pechar o edificio para calquera uso. Falamos cun dos membros da asociación, Tono Galán.

Por Moncho Mariño | A CORUÑA | 11/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Que é Proxecto Cárcere?

Proxecto Cárcere
Proxecto Cárcere

Que motivos hai detrás do peche?
Non o sabemos realmente. As razóns que dan foi por teléfono, pero non sei explicalas porque moita explicación non hai. Aínda non temos esa comunicación e en realidade, por unha suposta notificiación que enviou a Dirección Xeral de Patrimonio, que só se preocupa do lugar cando está aberto. A comunicación dicía que non se podían realizar actividades socioculturais no cárcere, non dixeron nada máis, pero supoñemos que hai máis motivos. Esas actividades celébranse desde 2010.

Se as autoridades que interveñen son concello, Xunta mediante Patrimonio e o edificio ten como titular o Ministerio de Interior, sería o ministerio quen daría a última palabra sobre este tema, entendo.
Nós tamén. Non obrigan a pechar, é por cousa dunha rampla que se lle solicitou ao Concello e que non lle deu para adiante en Patrimonio. Nós fixemos unha móbil, transformable, non ten nada pegado ao chan, podes movela como se fose un moble. Iso probocou que Patrimonio, na súa notificación indique que a rampla non lle dá para adiante ao que pedía o Concello. O Concello interpreta, imaxino que non nos deixou facer actividades socioculturais porque por riba de Patrimonio está o dono, o Ministerio de Interior. Non cabemos no noso corpo por saber que fixemos mal ou que fixemos ben. Levamos meses tentando ter reunións con eles, co Concello e nin caso, iamos lanzar un comunicado hoxe, pero hoxe recibimos a notificación definitiva do peche.

No voso comunicado do domingo pasado 10 de febreiro, parece entenderse que as forzas políticas máis receptivas foron Marea Atlántica e BNG. O PSOE tivo unha actitude ambigua e o PP directamente non quixo falar con vós. Por que entón vos acusa de amiguismo entre vós e o goberno local?
A ver, hoxe verá o amiguismo que hai, está abondo claro ese amiguismo entre nós e o goberno local logo do comunicado de peche. Non tiñamos outra maneira de demostrar o noso amiguismo mediante un medio traumático como foi esa resolución unilateral do Concello de non querer ter que ver nada xa co edificio, que ese é o problema máis grave, non é Proxecto Cárcere. O Concello deslígase completamente do edificio e iso é penoso e triste. Volven repetirse actuacións doutros partidos que rexeitaba este goberno local e agora caen na mesma trampa de non facerlle caso a algo histórico que está xunto á Torre de Hércules. Un día dixen que as cousas estaban claras pero había que clarificalas. Desgraciadamente sempre perden os débiles, neste caso a cidadanía que non somos nós só. Perderon os habitantes da cidade e os turistas que visitaban este lugar.

Chegouvos este luns 11 de febreiro o comunicado de peche?
O venres día 8 nos avisaron que se rescindía o contrato do Concello con nós. A partir de hoxe teriamos comunicación oficial e estamos esperando para coñecer as razóns que aluden. Xa no contrato poñía que podían rescindir o contrato cando quixeran, pero nós non esperabamos deste xeito, sen comunicación previa, sen podermos aquelar o que ao mellor faciamos mal. En oito anos houbo catro anos escuros do PP, pero agora volven ser escuros cun partido que parecía ter outra estratexia, pero é a mesma, sentar no podio e quedar alí e deixar á xente sen poder e forza, tirados como é o caso.

Antigo aspecto do cárcere da Coruña
Antigo aspecto do cárcere da Coruña | Fonte: Proxecto Cárcere

Antes de que se materializase Proxecto Cárcere, cales eran os obxectivos ou proxectos caberían dentro do edificio?
Cando asinamos o contrato, sabiamos que non eran nin o 10% das actividades que pensabamos porque eran actividades puntuais. O que realmente promovemos desde Proxecto Cárcere sería a permanencia de actividades como obradoiros para arranxar bicis, a mesma Memoria Histórica tería un lugar onde facer unha base de datos dunha memoria oral. Como se asinara un contrato para ter unha posibilidade de facer cousas e eran puntuais, Proxecto Cárecere apenas fixo actividades pero si sentou o precedente para xente que quixo facer actividades. Houbo unhas cantas das que faremos un dossier para publicalo e que se vexa que non foi unha perda de tempo.

No momento que presentantes o proxecto, o Ministerio de Interior mostrou a súa oposición?
Cando nos puxemos en contacto co Ministerio nunca recibimos resposta e agora mesmo non sabemos nada. Imaxino que cando ceden un edificio a un goberno local, xa dan por suposto que se van facer actividades. No convenio asinado xa vén escrito que se van facer actividades socioculturais e sociocomunitarias.

Cal é o estado do cárcere nestes momentos?
Onde estivemos nós, está impresionante, porque o labor feito de maneira anónima, por moita xente anónima sen ánimo de lucro, traballando e suando arreo está impecable, con moito burato que deixou a construtora. Mais o lugar é digno e o resto do cárcere ten certos puntos para tratar xa, sen pasar este inverno sen facelo. O estado non é tan malo como di moita xente, podo aseveralo, porque o temos ben controlado e fixemos moitas rondas sobre o cárcere cando chove e non chove. Non está tan mal como se di mais non é bo. Aí hai responsables, e non son Proxecto Cárcere, eses responsables están safando continuamente, non hai maneira que alguén leve a culpa de que o cárcere estea así. Agora que o pechan volve estar abandonado outra vez.

Segue a seguridade privada dentro do recinto?
Si, desde o día 28 de xaneiro. Avisáronnos horas antes, ás sete da tarde do día anterior. É un dejá vou completo. O cárcere é un lugar que non sei que fixo para ter todas estas polémicas, para estar como hai catro anos, con gardas de seguridade gastando moito diñeiro, para gardar nada, se aínda gardase a memoria, pero non garda nada. É un delirio este proceso. Se vén un observador non entendería nada.

Nun comunicado que enviastes contades que se vos pedira unha serie de documentación por parte de Patrimonio que non se tiña pedido para outros proxectos. É así?
Si, a nós nos fiscalizaron todos os grupos políticos. Non buscan coidar o edificio, buscan todo o contrario, fixéronnos a vida imposible a todas as persoas voluntarias, que temos traballos, e aínda así nos pedían requerimentos. Non só Patrimonio, o Concello igual, porque en reunións de palabra dicían unha cousa e cando chegabas para entregar o documento, o funcionario dicíache que non valía para nada. Logo pedíamos explicacións e non nos respondían. Pedimos un protocolo por escrito para ter claro o que deberiamos entregar. Fixemos todo, e dá igual. Este é o poder da cidadanía, éncheselles a boca co ben común e a cidadanía.

Se este proxecto chegase a verse finalizado, como iades enchelo, que oferta tiñades pensada para o uso do cárcere?
Na expectativa de xente que non queremos figuramos con nomes, na nosa pretensión queriamos contratos como mínimo de dez anos. Porque un proxecto así non se fai en seis meses. A xente non ten cultura de comunidade no país. Proxecto Cárcere é unha idea para longo prazo, non obstante, as eleccións están aí, coller votos dun lado e de outro. Este proxecto non era para nós, para esta xeración, era para seguinte xeración como mínima. A onde vai esa xeración? A ningún lado. En sete meses pecharon dous centros sociais, este e a Insumisa. Vailles quedar un currículo estupendo. Nós pretendiamos que houbese unha pedagoxía e un percorrido social para facer un lugar para que se falase de que Coruña tiña principios comunitarios.

Que motivacións verías detrás de cada grupo municipal da corporación para actuaren como fixeron.
Non vou ser diplomático e non o son. Non podo meterme na cabeza dunhas persoas que non me interesan, mais cando non están no poder, agás o PP que rexeita sempre o que é moi humilde. Os demais partidos reaccionan dunha maneira cando están no poder que cando non están, iso en medicina chámase esquizofrenia. Non saben a quen apoiar nin como. Non teño valoración. Iamos no programa de Marea, do PSOE e doutros nas anteriores eleccións. O de Marea xa non se cumpre, non sei que pasará cos demais. Foi definitivo que a Á Marea Atlántica, logo de encher a boca co cárcere, non falo de Proxecto Cárcere, pero o cárcere segue abandonado a día de hoxe.

Quen forma Proxecto Cárcere?
Pode formar parte unha persoa que respecte minimamente os dereitos humanos, que queira aprender algo, aínda que non fale ou non queira expresarse. O que fai a xente de Proxecto Cárcere, canto máis tempo pasas dentro máis te sentes dentro do proxecto, a base é o traballo persoal que repercute no colectivo. Un día un, un día outro, por dispoñibilidade, quen menos pode estar está e quen pode está.

Independentemente do resultado das eleccións de maio, cal podería ser o futuro do cárcere?
Só espero que un día alguén vexa a luz e se preocupen polo edificio. É o único que valoraría se chega a ser e non deixen caer un lugar cun espíritu renovadísimo. Pasou moita xente, mesmo turistas coa idea de que era un mosteiro. Entraban e preguntaban e quedaban parvos cando sabían que diante da Torre de Hércules había unha cadea. Así pois, a ver se deixan de infantilizar á xente coas súas actitudes con tanto Twitter e historias.

Xunto á Torre de Hércules, nun entorno atractivo, isto non será unha estratexia electoral de Marea Atlántica fronte a outras estratexias electorais?
Todo depende de quen mande máis que outros. Isto é unha zona BUFFER, zona protexida pola UNESCO. Isto non é lei, é dicir, quen gañe pode tiralo mais arriscaría a perder patrimonio da humanidade. Penso que agora mesmo tentar razonar calquera cousa coa xente do Concello é imposible, polo que dicía antes, estase infantilizando todo, mesmo ese oficio que é a política. Aquí a cuestión é destruir e están a conseguilo. É fácil destruir pero se se quere construir costa un mundo e se é un pobre miserable traballador non digo máis. Non creo que haxa ningún plano, o cárcere non lle interesa a ninguén.

Polas imaxes que tedes no voso blog, aparecen concelleiros como o de Cultura, Xosé Manuel Sande. Como cualificarías a súa actitude?
Nula, non existe, a mesma que Rocío Fraga. Sande estivo nalgunhas xuntanzas, non falou nada e non sabemos que pensa.

O mesmo que Xiao Varela?
Iso é outra cousa. Varela foi o promotor da apertura e non sei se será o promotor de que pechen o proxecto, pero non o teño claro. O colectivo non ten opinión sobre iso.

-Son moitos os intereses, ademais dos políticos, arredor do cárcere pola súa posición física?
Ou ningún, dálle a volta, ou ningún. O proceso este que levamos desde xuño, só foron paus. Se houbese un interese calquera corporación ten xente para traballar oito horas por facer algo, pero aquí non hai interese polo lugar, só o ten Proxecto Cárcere, o único que se molestou en mellorar o lugar. Teñen saído proxectos e falado de oídas sobre a inseguridade porque estea caendo, cando non é certo, é un lugar seguro. O PP quererá que se derrube porque non fixo nada en catro anos. En outubro de 2011 foi o Día Internacional da Arquitectura e tamén o día dos Dereitos Humanos. Ao Colexio de Arquitectos ocorréuselle celebrar ese día no cárcere, que estaba pechado e abandonado. Chamaron a Proxecto Cárcere, e nunha reunión previa con todos os grandes representantes, Proxecto Cárcere avisou que se entraban todas estas persoas ían caerlle a cara de vergoña polo estado que o tiñan. Enviouse unha brigada e ese traballo de limpeza non se lles agradeceu nunca. Entregámoslles pelotas de tenis co manifesto dentro desas bolas, pero nin caso. Para eles é un edificio transparente, se é así, que nos deixen facelo á nosa maneira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 6Qjq

Hai imputada por un delito de corrupción, penso que prevaricación, relacionado coa cesión do inmoble a Proxecto Cárcere, a concelleira Claudia Delso. Os delitos de corrupción son de ida e volta: uns políticos que se corrompen e os que se benefician da corrupción. Eu sospeito que lles van andar co traseiro aos do Proxecto Cárcere. Ninguén diga que é un proxecto sen ánimo de lucro porque hai un lucro, ao saírlles gratis o uso das instalacións, e coa conseguinte perda de ingresos para o concello que podería usar o inmoble e percibir un canon pola concesión.

1 caldereitada de corruPPtos

excusatio non petita acusatio manifesta ... non nos veñan con contos, non somos nenos...Cheira a corruPP-tela da mareante do podreiros que alcatrea... como din a muller do cesar ademáis de ser honrada ten que parécelo... todos o caldeiro!!!