Os tres principais concelleiros do PSdeG no Carballiño deixan o partido

O secretario local, a secretaria de organización e a secretaria de política municipal renunciarán aos seus cargos e abandonarán a militancia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Os tres concelleiros con maior responsabilidade orgánica na agrupación local do PSdeG do Carballiño (Ourense) —o secretario local, Adolfo Nogueira, a secretaria de organización, Érika Paz, e a secretaria de política municipal, Charo González— presentaron na mañá deste luns no rexistro do Concello un escrito dirixido ao alcalde no que solicitaron o seu paso a non adscritos.

Rolda de prensa de socialistas no Carballiño (Ourense).
Rolda de prensa de socialistas no Carballiño (Ourense).

Así o confirmaron os tres cargos orgánicos da segunda agrupación socialista da provincia con máis militantes, quen avanzaron, ademais, que esta mesma semana procederán á renuncia das súas responsabilidades internas na formación e ao abandono da militancia, decisión que, segundo confirmaron, comunicarán á Executiva provincial.

Adolfo Nogueira, ao que o alcalde da localidade, Francisco Fumega, lle retirou as competencias como edil, criticou que a decisión do rexedor foi "unilateral" e "absolutamente persoal" en función de "rumores", xa que "a única razón" que deu o alcalde para dar este paso foi que estaba "a xogar a ir noutras listas" e "perdera a confianza" nel.

"Comigo non falou unha palabra a día de hoxe nin para confirmar, desmentir ou dicirme que xa non contaba comigo. Todo o que sei do tema seino polas declaracións do alcalde no xornal e nalgunhas emisoras locais", sinalou o secretario local, quen avanzou que descoñece, do mesmo xeito que as súas dúas compañeiras, se algún dos cinco edís socialistas restantes na corporación do Carballiño abandonará o grupo.

"DISCREPANCIAS" CO REXEDOR

Pola súa banda, a secretaria de organización, Érika Paz, xustificou a súa decisión de pasar a concelleira non adscrita en base ás "discrepancias" co "modo" de actuar do rexedor do municipio, Francisco Fumega, en relación a Adolfo Nogueira, ao que "puxeron no punto de mira simplemente por comentarios que apareceron na prensa".

"A pinga que colmou o vaso foi a situación de Adolfo. O alcalde non nos tivo en conta á hora de tomar unha decisión, nin a nós como concelleiras ou militantes nin aos militantes. Foi unha decisión unipersonal sen mediar palabra ou unha conversación previa. O proceder non foi correcto", lamentou a concelleira.

Á súa vez, a secretaria de organización do PSdeG do Carballiño criticou que esta decisión non se comunicou "entre catro paredes" e si "á prensa" para ratificala posteriormente en pleno "sen ter unha conversación cos que se supoñen que son os seus compañeiros".

"Non ten sentido que despois de deixar o grupo de goberno e deixar o grupo municipal, sendo os directivos de maior nivel no Carballiño, sigamos dirixindo o partido no municipio nin creo que a dirección provincial, que nos deu a entender en varias ocasións que non eramos os adecuados para estar aí, nolo permita", engadiu.

"MOLESTIA" CON FRANCISCO FUMEGA

Mentres, a secretaria de política municipal, Charo González, sinalou que a súa decisión de pasar a ser concelleira non adscrita se debe á "molestia" que lle causou que o alcalde da localidade non se puxo en contacto con ela para coñecer a súa versión sobre os rumores que a relacionaban coa súa participación noutras listas nas próximas municipais ou coa formación dun novo partido, cuestións que desmentiu de forma "rotunda".

"Por mor das noticias destas semanas, véxome implicada nun tema no que non me pronunciei; non se falou connosco. Neste tres anos e pico, estiven sempre á beira do alcalde traballando polos veciños do Carballiño e nunca me pronunciei respecto diso deses temas nin me propuxeron irme a outro partido. Non quero ser un estorbo para a ruta que desexou tomar o alcalde", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Falta Pachi, pués.