GC Aberto

O medo: síntoma patognomónico da ditadura

Todos os autoritarismos que veño de citar, polo mero feito de exercelos os que en si mesmos e ante os demais séntense, vívense e móstranse como débiles e fráxiles, gozan nas súas manifestacións públicas do privilexio da presunción de verdade.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 15/02/2019

Comparte esta noticia

En medicina un signo ou un síntoma patognomónico é aquel que por si só permite realizar o diagnóstico certeiro dunha enfermidade.

Os recordos de medo poden ser bloqueados mediante a súa reactivación e un adestramento de extinción
Os recordos de medo poden ser bloqueados mediante a súa reactivación e un adestramento de extinción | Fonte: Miguel Núñez.

O labor do científico social é como a do médico: observa os síntomas manifestos da sociedade, explora os non manifestos, analiza as súas causas, interpreta o seu significado, establece un diagnóstico e propón un tratamento. Se está ben formado e adestrado, o científico social  diseca por planos, coa  meticulosidade e a precisión dun microciruxano, a estrutura e a dinámica dos fenómenos obxecto do seu estudo.

Aínda que pola súa natureza o medo é libre, o certo é que, dende o punto de vista político, cando está presente nunha parte significativa da poboación é síntoma  patognomónico da falla de liberdade e da ditadura. E é precisamente o medo o que, para o investigador experimentado, resulta patente na actualidade entre os cidadáns da Unión Europea, dos Estados Unidos e doutras zonas do mundo desenvolto.

A neolingua predita e descrita por Orwell na súa coñecida obra 1984, ideada «ex professo» para conferir ás palabras unha intención política e xerar así unha determinada actitude mental en quen as utilizan, está cada vez máis estendida e asumida pola cidadanía dos países democráticos. Esta neolingua, xunto coa neoinquisición e a neoditadura que sempre a acompañan dada a súa interrelación e interdependencia mutua, son as que traen consigo o temor e o tremor.

A nova ditadura é a ditadura dos «débiles», a cal se caracteriza polo imperio da moral dos escravos sobre os fortes advertido por Nietzsche en A xenealoxía da moral, e cuxo xerme e sostén son o odio, a envexa e o resentimento cara a quen posúe algún tipo de preeminencia ben sexa polo seu sexo, raza, intelixencia, orientación sexual, clase social, coñecementos ou herdanza histórica como grupo humano diferenciado.

Do mesmo xeito que acontece coa neoinquisición, a neoditadura está estruturada como unha realidade difusa: non se atopa nun centro nin nunha persoa concreta, senón que se acha espallada en múltiples micropoderes. Neste senso, no presente século vinte e un é posíbel recoñecer, entre outras, as seguintes categorías de despotismo: a ditadura de xénero, a ditadura do delito de odio, a ditadura do sentimento relixioso, a ditadura das razas non caucásicas, a ditadura da identidade nacional, a ditadura da orientación e a identidade sexual atípicas, e a ditadura dos menores de idade.

Para detectar até a máis mínima libre expresión contraria ás normas impostas por estas ditaduras, que constitúen no seu conxunto unha considerábel maioría, creáronse unha serie de observatorios nas institucións e de grupos de afíns nas redes sociais —que forman parte, todos eles, da referida neoinquisición difusa— coa finalidade de vixiar, identificar e castigar aos infractores aplicándolles as leis elaboradas «ad hoc» para estes casos ou, na súa falla, para estigmatizalos ante a sociedade polo seu pensamento e polos seus ditos e escritos. Estigmatización que ocasionaralle importantes consecuencias negativas á súa imaxe pública e ás súas relacións persoais e sociais, así como ao exercicio da súa profesión. Este proceso foi descrito de maneira maxistral por Tocqueville en A democracia en América, nun capítulo que ten o revelador título de «O poder que exerce a maioría en América do Norte sobre o pensamento».

Todos os autoritarismos que veño de citar, polo mero feito de exercelos os que en si mesmos e ante os demais séntense, vívense e móstranse como débiles e fráxiles, gozan nas súas manifestacións públicas —calquera que estas sexan e onde queira e quen queira que as faga— do privilexio da presunción de verdade. É dicir; a xente admite como un acto de fe as súas formulacións ideolóxicas, teolóxicas ou prexuizosas, non someténdoas á crítica da razón nin da opinión.

Estes son os motivos polos que os artistas teñen medo, os escritores teñen medo, os editores teñen medo, os poetas teñen medo, os humoristas teñen medo, os xornalistas teñen medo, os mestres teñen medo, os profesores, catedráticos e reitores teñen medo, os filósofos teñen medo… Estes son os motivos polos que os homes teñen medo. E polos que os cidadáns temen. Temen ou ignoran.

Cando ignoran; non din nada.

Cando temen;  autocensúranse, censuran. E calan.

© Xabier Vila-Coia, 2019

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta