O PP rexeita pedir competencias en Salvamento Marítimo e o BNG acúsao de "subordinarse" a Casado

En Marea e Bloque coinciden en "cambiar" a política "recentralizadora" de Feijóo, mentres PSdeG aposta por "respectar o marco" constitucional

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/02/2019 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

O Parlamento galego rexeitou este martes, cos votos en contra do PP, a toma en consideración dunha proposición de lei impulsada polo BNG para reclamar ao Estado as competencias en Salvamento Marítimo e contaminación mariña. A portavoz dos nacionalistas, Ana Pontón, achacou esta negativa a unha "chamada á orde" do líder popular, Pablo Casado, desde Madrid.

En concreto, a iniciativa contou co visto e prace dos nacionalistas e de En Marea, mentres que os socialistas se abstiveron e os populares votaron en contra. A deputada do PPdeG Teresa Egerique xustificou esta postura dicindo que "ter competencias non é garantía" dunha maior seguridade no mar, senón que o preciso é "ter medios técnicos de capacidade de reacción".

Ante o rexeitamento da proposta, a portavoz nacional do Bloque criticou que aos populares lles "importa un bledo" a Comunidade, xa que "levan dez anos no mesmo sitio, subordinando Galicia aos intereses do Partido Popular". "Igual levantaron o teléfono desde Madrid e Pablo Casado dixo que non tocaran máis competencias, porque a axenda márcaa a extrema dereita", aseverou.

A líder da formación frontista lamentou que "hai 15 días" o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "quería negociar todas" as competencias que debate o Executivo central co País Vasco e Cataluña. "Que pasa? Temos que ir detrás?", preguntouse.

"Duroulles 15 días ese frenesí pro Galicia e agora traen ese espírito de Colón: subordinación e extrema dereita", esgrimiu Pontón, en referencia á protesta organizada polo PP este fin de semana en Madrid -coa participación de Ciudadanos e Vox- contra as políticas do Goberno de Pedro Sánchez.

Pola súa banda, a deputada do PPdeG Teresa Egerique fixo fincapé en que "é máis importante ter 'sentidiño' nas decisións" adoptadas, á vez que reclamou "máis política de salvamento e menos política co salvamento". E é que, segundo asegurou, o debate da proposición dos nacionalistas trátase dunha "cortina de fume" que "non ten lugar" nun contexto no que, segundo ela, o Goberno central -con En Marea como "cómplices"- pretende dar un 'tijeretazo' aos investimentos previstos para Galicia no proxecto dos PGE para 2019.

FEIJÓO RECLAMOU "CERO COMPETENCIAS" EN 10 ANOS

Durante a defensa da proposta, a portavoz do BNG lamentou que, tras dez anos á cabeza da Xunta, Feijóo reclamou "cero competencias" para Galicia. Afirmou que o líder autonómico "acatou con gusto" a "estratexia recentralizadora" do PP.

Por iso, Pontón insistiu en que reclamar a transferencia das competencias en Salvamento Marítimo e a loita contra a contaminación para a Comunidade podería ser "un inicio de cambio de rumbo" a esa década de "centralismo e retroceso".

Ademais, apuntou que a de Galicia é a "taxa de sinistralidade no mar máis alta de Europa", con catástrofes que deixaron "100 barcos perdidos" no mar no que vai de século. Segundo a nacionalista, iso correspóndese cun "problema estrutural" e a distribución "discriminatoria" dos medios do sistema de socorro.

"En Madrid deciden que medios se mobilizan. Desde Madrid chaman ao centro de Salvamento en Fisterra para que apliquen as decisións. No mar cada minuto conta, e ese minuto pode ser decisivo", explicou.

POLÍTICA "RECENTRALIZADORA" DO PP

Por parte do grupo de En Marea, que tamén votou a favor da proposta, a deputada Paula Quinteiro coincidiu co "cambio de rumbo tan necesario" que daría á política "recentralizadora" do PP na Xunta.

Salvamento Marítimo na ría de Vigo. SALVAMENTO MARÍTIMO
Salvamento Marítimo na ría de Vigo. SALVAMENTO MARÍTIMO | Fonte: Europa Press


Neste sentido, a parlamentaria criticou a "negación sistemática" dos populares a asumir novas competencias, especialmente en cuestións marítimas, "asuntos vitais" para a Comunidade. E é que os datos de sinistralidade, uns 1.032 accidentes laborais no mar en 2017, segundo indicou Quinteiro, son "moi alarmantes" se se ten en conta a "perda de postos de traballo" no sector.

Por iso, a deputada de En Marea pediu ao Goberno galego "facer autocrítica"e "que o debate se dea con argumentos realistas", non sen antes incidir na "necesidade" de formar unha comisión no Parlamento galego sobre a sinistralidade marítima.

A deputada do PSdeG Dolores Toja cualificou de "perseverante e repetitiva" a petición do BNG, polo que avanzou a abstención do seu grupo como unha posición "congruente" con ocasións anteriores.

"En definitiva, por nós non vai quedar ese debate nesta Cámara, nin seremos un impedimento", engadiu. Porén, avanzou que, se a proposición superase o trámite parlamentario, os socialistas "terían que emendar o texto", xa que propoñen "respectar o marco competencial" que fixa a Constitución no seu artigo 149 e que dá ao Estado a xestión exclusiva da mariña mercante.

ACORDO UNÁNIME NA COMISIÓN INSTITUCIONAL

A finais de xaneiro, os catro grupos do Lexislativo galego acordaron na Comisión Institucional instar o Goberno estatal a negociar o traspaso de todas as competencias pendentes, despois de que Pedro Sánchez se comprometese co País Vasco á transferencia de 33 competencias.

Sendo así, a deputada do PPdeG Paula Prado insistiu en que "se o País Vasco pode ter 33 competencias nun ano, Galicia non pode ser menos" e "non se pode quedar fóra" desa negociación.

Nas últimas semanas, tamén o presidente da Xunta reivindicaba que a Comunidade galega tiña "o mesmo dereito" que Euskadi e Cataluña a recibir competencias que se sitúen no "teito estatutario" e "constitucional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta