Detida unha veciña de Valga (Pontevedra) por roubar en dúas vivendas

A muller tiña unha "ferida profunda" no antebrazo, algo "determinante" para a súa identificación, xa que se atoparan cristais rotos e restos de sangue no chan nunha das casas asaltadas.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 12/02/2019 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo unha veciña de Valga (Pontevedra) de 44 anos de idade como presunta autora dos roubos con forza cometidos o pasado mes de xaneiro no interior de dúas vivendas no mesmo municipio.

Segundo informou o Instituto Armado, os dous roubos investigados pola Garda Civil cometéronse na parroquia de Campaña. O primeiro deles perpetrouse o 19 de xaneiro, día no que subtraeron diversos aveños do interior do domicilio, valorados en case 400 euros.

No segundo, cometido apenas unha semana despois noutra vivenda da mesma zona, levaron un baúl de madeira "que gardaba unha importante cantidade de chaves de varios inmobles", concretaron as mesmas fontes.

As investigacións levadas a cabo polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía e efectivos do Posto de Valga centráronse na contorna veciñal e chegaron á identificación dunha veciña que foi detida como presunta autora dos dous roubos.

No momento da súa localización, esta persoa tiña "unha ferida profunda" no antebrazo, explica a Benemérita, "que foi determinante para a súa detención, tendo en conta de que nunha das vivendas se atoparan os cristais rotos dunha xanela e restos de sangue no chan".

A detida foi posta en liberdade coa obriga de comparecer, cando sexa requirida, no xulgado de Instrución de garda de Caldas de Reis, onde foron entregadas as dilixencias.

Cuartel da Garda Civil de Valga (Pontevedra). GARDA CIVIL
Cuartel da Garda Civil de Valga (Pontevedra). GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta