Piden amparo ao xuíz pola presenza de "pacientes graves no corredor" de Urxencias do CHUS

A xerencia compostelá admite que houbo "máis afluencia" da media, o que "retardou" a atención

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/02/2019 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

A delegada de prevención de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS), a médica Fátima Nercellas, solicitou amparo ao xuíz de garda pola presenza de "pacientes graves no corredor" deste servizo na tarde do luns ao haber enfermos pendentes de ingreso na área de Observación. Así o explicou Nercellas, quen concretou que ás 12,00 horas deste luns había 18 pacientes pendentes de ingreso e 19 nos corredores.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Por iso, como ás 16,30 horas deste luns permanecían 13 pacientes en Observación pendentes de ingreso e 13 graves nos corredores por falta de espazo, enviou "por primeira vez" unha "solicitude de amparo ao xuíz de garda" de Santiago como delegada de prevención co fin de poñer no seu coñecemento "unha situación de risco".

"Dado que os xestores negan que exista a situación do corredor", xustificou Fátima Nercellas, puxeron en coñecemento do xuíz de garda esta situación para que "tome medidas" porque "non é puntual" como asegura que alega a xerencia compostelá, xa que sucede "moitas veces", engadiu.

A delegada de prevención explicou que existen "14 espazos na zona de reanimación antiga onde podían estar os pacientes pendentes de ingreso" e, abundou, "teñen plantas pechadas e terceiras camas". "Poden ampliar o espazo", considerou, para concretar que "se solucionou o tema do corredor ás 23,00 horas".

MAIOR AFLUENCIA

Pola súa banda, fontes da xerencia compostelá aseguraron que o luns "houbo máis afluencia" da media no servizo de Urxencias do  Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o que "retardou" a atención, pero "non houbo colapso".

Respecto diso, recalcaron que "se tardou unhas horas" en paliar o problema ocasionado por "moita demanda" e entre "última hora da tarde e primeiras horas da noite" a atención "xa era fluída" en Urxencias.

Ademais, a xerencia compostelá habilitou reforzo de persoal de enfermería en Urxencias. Con todo, as mesmas fontes insistiron en que houbo "máis xente do habitual" e "nunhas horas" se foi "liquidando" a situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta