A Xunta apoia o 'lobby' da marca 'Minaría Sostible de Galicia': "Coidar a minaría é coidar o medio rural"

A marca nace como resposta a "unha campaña de mitos e desinformación contra o sector", din os seus promotores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

A marca 'Minaría Sostible de Galicia' presentouse este martes en Santiago como resposta a "unha campaña de mitos e desinformación que leva producindo durante anos contra o sector mineiro en Galicia", tal e como explicou o director da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Diego López.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, no acto de. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, no acto de. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

No acto de presentación, na Cidade da Cultura, contou co apoio do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; Natalia Caparrini, da Escola de Enxeñeiros de Minas e Enerxía dá Universidade de Vigo, e o delegado do Colexio Oficial de Xeólogos, Pablo Núñez.

Durante as súas intervencións coincidiron en sinalar o peso da minaría na economía galega, unha actividade que achega o 0,7 por cento do PIB (416 millóns de euros) e que, con 11.200 postos de traballo, representa o un por cento do emprego de Galicia, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

A marca xorde dunha iniciativa da COMG, na que participan grupos como o Clúster da Lousa de Galicia, a Asociación Galega de Áridos ou o Colexio Oficial de Xeólogos, entre outros. E aparece cando o 'lobby' da minaría está atopando maior rexeitamento social por proxectos frustrados como a mina de ouro de Corcoesto ou o polémico plan para a mina de cobre de Touro-O Pino, entre outros.

DAR A COÑECER O SECTOR Á SOCIEDADE

Un dos puntos clave que resaltaron nas súas intervencións é a necesidade de dar a coñecer a actividade do sector mineiro á poboación. Pablo Núñez detallou algunhas das actividades que desenvolveron desde 2009, cando se celebrou a Conferencia Internacional de Minaría Sustentable en Galicia e lamentou que na sociedade "se mira con desconfianza o sector".

O delegado do Colexio Oficial de Xeólogos aseverou que os obxectivos deben ser a "promoción, difusión e información" sobre a actividade mineira.

Diego López falou sobre iniciativas para dar a coñecer a actividade, como visitas guiadas, a maior relación cos grupos de interese e pór en valor a función social da minaría.

Nesta liña, incidiu en traballar en campañas de comunicación dixital, e chamou a loitar nas redes sociais contra os "bulos" que se verten contra o sector por parte de entes interesados.

SECTOR ESTRATÉXICO CON IMPORTANCIA NO RURAL

Ademais de facer referencia aos datos do IGE, os participantes sinalaron a importancia que ten a minaría no rural e na industria en xeral. Así, Diego López destacou que o 70 por cento da industria europea depende do sector mineiro, e advertiu de que se atopa en perigo fronte ao crecemento doutros países. López asegurou que "a minaría está en perigo en Galicia" e fixo un chamamento para conseguir a "unión de todos" porque "Galicia necesita á súa minaría".

Pola súa banda, Natalia Caparrini puxo o foco na incidencia que a minaría ten no rural, xa que "achega valor nas comarcas nas que se instala" e porque "mitiga o despoboamento".

Francisco Conde sinalou que a minaría supón un "motor económico" para Galicia, e remarcou que o país "produce o 41 por cento das rochas ornamentais do conxunto estatal, sendo líder en produción de lousa e tendo no granito un material ecolóxico e impulsor da economía galega".

O conselleiro tamén destacou que a maior parte das empresas mineiras que operan en Galicia son de capital galego, e puxo en valor a implantación no medio rural da industria. "Coidar a minaría é coidar o medio rural", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta