A Xunta anuncia unha nova lei de prevención e extinción de incendios forestais

En 2018 houbo un total de 1.426 lumes que afectaron unhas 2.608 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de C0mpostela | 12/02/2019 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou este martes, durante a súa comparecencia no Parlamento galego, que a Xunta elaborará nesta lexislatura unha nova lei autonómica de prevención e extinción de incendios forestais "adecuada á realidade".

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Neste sentido, aproveitou a súa intervención no hemiciclo para facer balance dos lumes rexistrados durante 2018, que foron un total de 1.426 que afectaron unhas 2.608 hectáreas. Deles, segundo asegurou, "tres de cada catro" foron intencionados, polo que solicitou a "colaboración cidadá", que se facilitará coa posta en marcha dun teléfono anónimo "para dar datos de delincuentes incendiarios".

Ademais, González valorou a "importancia" da recente modificación da estrutura da súa Consellería ao crear a Dirección Xeral de Defensa do Monte. Así, destacou o plan de pastos en extensivo, que comezará en Cualedro (Ourense) coa adecuación dunhas 300 hectáreas.

Así mesmo, reiterou a súa petición de "colaboración" a todas as administracións para abrir o convenio de limpeza de franxas forestais, subscrito entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), "a todos os concellos de Galicia" (ata o momento, adheríronse máis de 150).

En relación con iso, avanzou que se elaborará xunto a Seaga un plan base de prevención contra incendios, un "manual do procedemento" a seguir na xestión da biomasa e que ademais remita a cada municipio, a través dun servizo informático, os planos das franxas da súa competencia.

Todos estes labores enmarcounos nas recomendacións extraídas da comisión parlamentaria da política forestal da Xunta, da que o mesmo Gonzalez foi presidente antes de ser elixido conselleiro en outubro de 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Os únicos que non queren recoñecer que os incendios son intencionados son os do BNG. Xamais, Sempre son consecuencia da política forestal da Xunta, ou do Bispo de Braga, Nunca son os pirómanos os que prenden lume, O manual de estilo do BNG prohíbe dicir eso.