Lidia Senra alerta de que reutilizar augas no actual modelo industrial "é un risco para as persoas"

Asegura que a proposta aprobada no Parlamento Europeo "enriquece as grandes empresas" e sinala que o plan non garante evitar problemas medioambientais, o que podería traducirse en riscos para a nosa saúde.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

A coordinadora de GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, a galega Lídia Senra, alertou este martes de que a reutilización de augas no actual modelo industrial "é un risco para as persoas e o medioambiente".

Así o sinalou Senra durante a súa intervención na sesión plenaria, onde apuntou que o Informe sobre a proposta de Regulación dos Requisitos Mínimos para a Reutilización da auga aprobado polo Parlamento,  propón dar respostas que "pasan por enriquecer as grandes empresas privadas". Sitúa o plan, entón,"lonxe de romper as dinámicas industriais hexemónicas que están a provocar a contaminación da auga"

Lidia Senra
Lidia Senra

"Unha vez máis pido a este Parlamento que vaia máis aló de medidas que só supoñen parches. Temos que apostar por un modelo de desenvolvemento non contaminante e con menor consumo de auga, tanto na industria como no turismo, na agricultura e na gandaría", subliñou Senra, segundo recolle nun comunicado GUE/NGL.

Neste sentido, a eurodeputada apuntou "non estar en contra do principio de reutilización da auga" pero sinalou que a proposta aprobada hoxe "ten carencias". "O informe recoñece que hai augas que non van poder ser utilizadas para regar determinados cultivos porque poden supor un risco para a saúde. Entón, como se vai evitar que esas augas que se van a usar para regar outro tipo de cultivos non vaian contaminar os acuíferos?", apuntou.
Ademais, fixo referencia aos riscos que implica para os humanos, porque "o que botamos á terra volve despois a nós a través dos alimentos, da auga, do aire... Non podemos esquecelo".

Unha das cuestións "especialmente preocupantes", a xuízo de Senra, é que o tratamento de rexeneración das augas "vai estar en mans de operadores privadas". "Unha actividade tan sensible non pode ser un negocio, todo o ciclo da auga debería ser de xestión pública. Ademais, quen pagará estes procesos? Os agricultores na auga de regadío", sentenciou Senra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta