Feijóo tras acudir á manifestación con Vox: "Chamar falanxista ao PP é unha falta de respecto"

Duro cruce de acusacións. En Marea denuncia que se faga a foto con "falanxistas" e Ana Pontón que estea coa "extrema dereita antigalega e racista". Feijóo acusa ao BNG de ser os "socios de Otegi" e a En Marea de "bolivarianos".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/02/2019 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

Os grupos de En Marea e BNG no Parlamento galego afearon ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control ao Goberno, a súa asistencia o pasado domingo á concentración convocada polo PP na Praza de Colón de Madrid contra o Executivo de Pedro Sánchez e que a oposición tacha de "manifestación do odio".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que o presidente galego estivese "coa extrema dereita machista, antigalega e racista" mentres en Santiago "miles de galegos estaban nas rúas defendendo a sanidade pública" nunha marcha convocada por diferentes plataformas sanitarias e apoiada por toda a oposición.

Deste xeito, censurou o "seguidismo" de Feijóo ao presidente do PP nacional, Pablo Casado, "e á extrema dereita". "Alégrome moito de que hoxe o señor Casado non tivese a ocorrencia de convocar unha concentración, porque xa vía a vostede cambiando a axenda e dándolle plantón ao Parlamento de Galicia", esgrimiu a nacionalista.

Ademais, Pontón cuestionou a Feijóo sobre se ve "coherente pactar pola mañá máis competencias" para a Comunidade galega "e pola tarde recular" esta reclamación por unha "chamada desde Madrid". "Mentres vostede estaba en Madrid facéndose selfis coa extrema dereita e bailando pasodobres de Manolo Escobar, os galegos estabamos a defender a sanidade pública", un servizo que a Xunta, segundo a líder do Bloque, "pon en risco a golpe de recortes".

Ante estas críticas, o presidente do Goberno autonómico situouse "ao lado da convivencia e da Constitución, defendendo a igualdade dos españois" e "o Estado das autonomías"."En definitiva, defendendo todo o que vostede ataca", espetou a Pontón, referíndose a a coalición do BNG con Esquerra Republicana e EH Bildu para concorrer ás eleccións europeas do 26 de maio. "Voume a manifestar sempre a favor do autogoberno constitucional de Galicia. Non me verá nunca ao lado do señor Otegi", reivindicou.

En canto á sanidade, o presidente da Xunta insistiu no "afán por desprestixiar" o servizo por parte da oposición mentres Galicia "ten unha das mellores sanidades das rexións europeas". Seguidamente, reclamou aos nacionalistas a súa "condena" aos, segundo as súas palabras, "atentados" ocorridos durante as protestas do persoal destes vehículos sanitarios, dos que case 40 resultaron saboteados en incendios e picadas.

"DISFRACE DE AUTONOMISTA" DE FEIJÓO

Tamén o portavoz de En Marea, Luís Villares, arremeteu contra o "disfrace de autonomista" posto por Feijóo hai 15 días. "Quedaba demasiado grande", chanceou, afeándolle ademais que decidise "abandonar a súa viaxe institucional" a Estados Unidos para "acudir á manifestación do odio, daqueles que piden suprimir o autogoberno de Galicia" e "defenden o machismo".

Iso debeuse, segundo explicou o portavoz do partido instrumental, a que tanto Casado como o presidente de Vox, Santiago Abascal, "chamaron a filas" ao PP galego para que se manifestase "á beira de Falanxe Española e Hogar Social". "Non se pode servir á Falanxe e a Galicia ao mesmo tempo", proseguiu Villares.

Seguidamente, Feijóo demandoulle situarse "a favor ou non da independencia de Galicia", dentro dese "populismo de nacionalismo das mareas de Podemos", xa que cre que Villares, xuíz en excedencia, antes "dedicábase a cumprir a Constitución e agora dedícase a incumprila".

Así mesmo, reivindicou que Galicia, "xunto a País Vasco e Navarra", foi "a única" comunidade que mantivo o autogoberno durante os anos da crise. "Non teño ningún problema con que se me lembre como o presidente do autogoberno mentres o resto de autonomías pedían permiso para pagar unha factura", ironizou.

FEIJÓO "DEIXA MORRER PACIENTES"

A iso, Villares replicou que o currículo de Feijóo inclúe "facer ben as súas contas" mentres "deixa morrer pacientes" no corredor da PAC da Estrada, o que é unha "consecuencia dos seus recortes.

Ademais, pediulle situarse en canto a diferentes propostas debatidas durante o pleno desta semana no Pazo do Hórreo: "Diga si a favor da igualdade, dos dereitos fundamentais e da autonomía a Galicia; ou diga non e entón, nese caso, situarase con Vox, a extrema dereita, o machismo, o racismo, o supremacismo e a supresión das autonomías".

Neste contexto, Feijóo cuestionou que "un grupo parlamentario bolivariano" como, segundo as súas palabras, é o de En Marea, pídalle situarse sobre a Declaración Universal de Dereitos Humanos, á vez que expresou que "non ten que pedir permiso para manifestarse nin ás mareas de Podemos nin aos independentistas". "Non son Pedro Sánchez, nin Galicia nin eu debémoslle nada", apostilou.

"Se vostede insiste en chamarnos falanxistas, alá vostede. Vostede cre que a maioría absoluta de Galicia vota á Falanxe? Que falta de respecto", esgrimiu. Nese momento, o deputado do partido instrumental Manuel Lago mantiña no alto dúas fotografías de membros da Falanxe durante a manifestación do domingo en Madrid, polo que o presidente da Cámara, Miguel  Santalices, chamouno á orde.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Coureloise

Certo. Son unha mafia criminal de analfabetos, delincuentes, ladróns, corruptos e galegófobos. E os seus votantes e simpatizantes uns discapacitados electorais e alienados. Falta algo, amigo do narco?

1 frijoles o traidor expañol

e un expañolista que esta vendendo o seu país a trozos e decir un traidor... "un pendejo"