Angrois.- As conclusións da comisión de investigación, no aire ante a eventual convocatoria de eleccións

O sindicato de maquinistas esixe a dimisión de Blanco e dílle que senón asume responsabilidades "non se poderá ir a unha cultura de seguridade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

A elaboración das conclusións da comisión do Congreso que investiga o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) dependerá dos prazos que marque unha eventual convocatoria de eleccións xerais. En calquera caso, este mércores, o pleno ratificou a prórroga ata maio acordada recentemente polos membros da Mesa e os portavoces do órgano que preside o deputado do PDeCAT Feliú Guillaumes.

Con esta nova prórroga, en principio a comisión contará con tres meses para continuar os seus traballos, coa previsión de ter aprobadas as súas conclusións a mediados de maio. Aínda ten que recibir ás vítimas, ás que ofreceu unha intervención a porta pechada tras pedir elas unha última intervención en aberto.

O organismo sobre o sinistro que se cobrou 80 vidas e deixou a 144 persoas feridas na curva da Grandeira, na capital galega, botou a andar o pasado 10 de xullo, case cinco anos despois da traxedia e tras estar meses varada ante a incapacidade dos grupos de porse de acordo sobre quen debía presidila.

O pasado luns, os exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor protagonizaron as últimas comparecencias, nas que o primeiro negou présas para inaugurar a liña e ambos os ciñeron ao ámbito técnico calquera medida que puidese supor unha diminución da seguridade na mesma.

O REGULAMENTO

O regulamento do Congreso establece que as comisións non permanentes, as que se crean para un traballo concreto, "extínguense á finalización do traballo encomendado e, en todo caso, ao concluír a lexislatura". Un artigo moi similar recolle o regulamento do Parlamento galego, que indica que estas comisións "se extinguen ao finalizar o seu obxecto e, en todo caso, ao concluír a lexislatura".

Na comunidade galega existe o precedente da comisión de investigación das caixas de aforro galegas, que, aínda cambiando de lexislatura, volveu votarse, a constituírse e retomou os traballos no punto no que se quedaron con anterioridade.

O SEMAF, "INDIGNADO"

Por outra banda, o sindicato de maquinistas Semaf emitiu un comunicado de prensa este mércores no que cualifican de "feito grave" o ton da comparecencia de Blanco do luns, polo que lle esixen a súa "dimisión inmediata".

En caso contrario, piden o seu "cesamento de todos os cargos públicos que poida ostentar", ao entender que "non representa nin aos principios dun partido do que forma parte, nin moito menos ao conxunto dos cidadáns".

"Coa negación dos feitos e a non asunción de responsabilidades non poderemos avanzar cara a unha cultura xusta de seguridade, da que participemos todos os actores que formamos parte e que a investigación dos mesmos nos leven a determinar as causas e, unha vez coñecidas, pór as barreiras necesarias para evitar que volvan ocorrer", asevera a organización na nota.

Concentración da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia fronte a. Ricardo Rubio - Europa Press
Concentración da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia fronte a. Ricardo Rubio - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta