A Xunta presume de polo aeroespacial ante expertos nacionais e internacionais en Málaga

Desde o goberno galego destacan este polo como unha iniciativa estratéxica que permite gañar competitividade e coñecemento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

A Xunta está a presentar o polo aeroespacial de Galicia ante expertos nacionais e internacionais no marco do Foro Transfire, un encontro profesional e multisectorial para a transferencia de coñecemento e tecnoloxía que se celebra en Málaga ata o xoves.

En concreto, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou este mércores nunha mesa redonda dedicada á 'Civil UAVs Iniatiative', xunto co director de vehículos aéreos de Indra, Francisco Javier Barcala, o director de I+D de Babcock, José Luís Saiz, e o director de estratexia de Boeing I+D Europa, Eduardo Carrillo.

Argerey destacou este polo como unha "iniciativa estratéxica" que está a permitir a Galicia "gañar competitividade e crecemento económico e xerar capacidades industriais e sinerxías" de coñecemento entre centros de investigación e empresas.

De feito, explicou, este proxecto está a mobilizar 164 millóns de euros de fondos público-privados, hai xa máis de 50 axentes traballando nel con contratos, entre empresas e centros de coñecemento, e está previsto que traballen nel case 500 persoas ata 2020. Argerey destacou tamén que só existen outras tres iniciativas iguais a nivel internacional, en Estados Unidos e Canadá, e ningunha similar en Europa.

O debate centrouse tamén no "efecto tractor" que está a producir a participación de actores como as multinacionais Indra, Babcock e Boeing no ecosistema galego de innovación, a través das subcontratacións de axentes galegos e da transferencia de coñecemento e talento galego ao mercado.

Doutra banda, subliñouse a visión a medio e longo prazo de abordar desenvolvementos tecnolóxicos que permitan xerar produtos e servizos baseados en vehículos non tripulados que poidan facer uso do espazo aéreo da maneira máis ampla posible e que sexan certificables con criterios equivalentes aos que se empregan para as aeronaves tripuladas.

Neste marco, Indra presentou as vantaxes dos dous vehículos desenvoltos no marco da iniciativa, o Targus, orientado a materias de vixilancia, e o primeiro USV marítimo, opcionalmente tripulado para tarefas de vixilancia de pesqueiras, ambiental e protección de portos, bote auxiliar para buques da frota ou loita contraincendios, entre outros.

Babcock, pola súa banda, explicou a aposta da compañía por situar en Galicia as súas capacidades en tecnoloxías en vehículos non tripulados e presentou o seu helicóptero non tripulado de 25 quilos, o LUA, así como os sistemas expertos desenvolvidos centrados en áreas como emerxencias ante incendios forestais, vixilancia marítima e ordenación do territorio e recursos naturais. Por último, Boeing presentou a súa solución para a integración de aeronaves autónomas en espazos aéreos compartidos.

Polo aeroespacial de Rozas. BABCOCK
Polo aeroespacial de Rozas. BABCOCK

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta