A Xunta fala de reducción da fenda dixital de xénero "a mínimos históricos" en Galicia

Os países con menor fenda dixital son Irlanda, Finlandia e Lituania e na reducción desta desigualdade o nivel formativo é unha variable con alta incidencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O 78,8% dos galegos e o 78,1% das galegas utilizaron internet no últimos tres meses. "Esta diferenza de apenas 0,7 puntos sitúa a fenda dixital de xénero en Galicia no valor máis baixo desde que se rexistran datos neste ámbito", destaca a Xunta. É unha das principais conclusións, indica, do estudo monográfico 'A sociedade dá información dende unha perspectiva de xénero', elaborado polo observatorio da sociedade da información en Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe recolle un descenso de 2,3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior en Galicia, que se distancia tanto da media estatal, situada en 1,8 puntos, como da da Unión Europea, en 3 puntos.  A Xunta subliña que a fenda de xénero en Galicia é inferior á que se rexistra en Croacia (13 puntos), Austria (6 puntos) e Italia (6 puntos).

No extremo oposto, os países con menor fenda de xénero respecto da media europea son Irlanda (-3 puntos, con vantaxe das mulleres), Finlandia e Lituania (-1 punto). "En Galicia, a fenda dixital de xénero no uso de internet foise reducindo de forma lenta pero constante, experimentando unha diminución de 2,3puntos o último ano. A nivel estatal a redución é de 2,1 puntos porcentuais no mesmo período", indica.

FACTORES

O nivel formativo é unha das variables que máis incide nas diferenzas no uso de internet. As persoas con estudos máis básicos, especialmente as mulleres, son as que menor uso fan da ferramenta, con diferenzas que superan os 10 puntos porcentuais fronte aos homes. A fenda de xénero no uso de internet presenta unha tendencia marcada pola idade, coa que se distingue unha ruptura dixital ao redor dos 64 anos. Así, as mulleres con menos de 64 superan ou igualan aos homes no uso de internet, mentres que a partir desa idade as distancias aumentan "sensiblemente" en detrimento do uso feminino da rede, cunha brecha de xénero de 8,2 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos.

Con respecto á situación laboral, o uso de internet é practicamente universal entre as mulleres estudantes e que desempeñan unha actividade no mercado laboral. Pola contra, as mulleres dedicadas ás tarefas do fogar ou xubiladas son dous colectivos "especialmente afectados" polas diferenzas de sexo á hora do acceso á rede. O estudo aborda a influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo. Así, as diferenzas son máis acusadas as vilas galegas de máis de 50.000 habitantes, onde a brecha de xénero supera os 2,6 puntos. O uso de internet entre as mulleres é superior que entre os homes nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Mentres, as mulleres interactuán máis coas administracións a través de internet e nas compras en liña as diferenzas son sensiblemente maiores en España que en Galicia.

As mulleres seguen sendo minoría no sector das tecnoloxías da información e da comunicación
As mulleres seguen sendo minoría no sector das tecnoloxías da información e da comunicación | Fonte: Comisión Europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta