O conflito do transporte sanitario tentará resolverse o luns a través de Relacións Laborais

Sindicatos e empresarios están citados para o día 18, despois de que o Sergas pedise a mediación na problemática. Fontes sindicais aseguran que "se a actitude da patronal vai ser a mesma ca en decembro, só vai servir para botar máis gasolina".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

Os sindicatos que convocaron a folga no transporte sanitario de Galicia -UXT, CIG e CC.OO.- e os empresarios do sector de ambulancias foron citados para o luns 18 no Consello Galego de Relacións Laborais despois de que o Sergas pedise este mércores a mediación no conflito.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da patronal e dos sindicatos, que explicaron que acudirán por ambas partes á reunión convocada ás 11,00 horas en Santiago de Compostela.

Por parte da patronal, avanzaron a Europa Press que presentarán a mesma proposta que realizaron no mesmo escenario no mes de decembro, salvo que antes da reunión deste luns coñezan "a contía do novo concurso" do transporte sanitario anunciado polo 061.

Pola súa banda, fontes sindicais indicaron a Europa Press que esperan que a convocatoria de mediación "a instancias do Sergas" sirva para que a Administración sanitaria autonómica "entre a formar parte" da resolución do conflito. "Entendemos que cando o Sergas insta o Consello Galego de Relacións Laborais a que convoque é que se vai a implicar", apuntaron fontes sindicais.

Ademais, as mesmas fontes sindicais expresaron o seu desexo de que "a actitude da patronal sexa distinta" e poidan "empezar a negociar melloras" para o novo convenio. Con todo, ante a posibilidade de que presenten a mesma proposta que en decembro, advertiron de que "se a actitude vai ser a mesma, só vai servir para botar máis gasolina ao conflito".

FOLGA

A convocatoria deste luns coincidirá cunha nova semana de folga convocada polos sindicatos no transporte sanitario de Galicia, que se desenvolverá entre o 18 e 24 de febreiro.

Os sindicatos manteñen convocada unha folga intermitente, cun primeiro tramo celebrado entre o 8 e 11 de febreiro, o segundo entre o 18 e 24 deste mes e un terceiro do 4 ao 10 de marzo. Logo diso, pasaría a indefinida desde o 20 do próximo mes.

Así mesmo, convocaron unha manifestación en Santiago de Compostela o 20 de febreiro a partir das 11,30 horas, no marco do segundo tramo de folga, para demandar melloras laborais e salariais.

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta