Acusan á Cámara Mineira de Galicia de atacar a organismos científicos acusándoos de emitir “bulos”

A Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non ve nesta actitude da Cámara Oficial Mineira de Galicia “unha nova tentativa de lavado de imaxe e de neutralización da cada vez más crecente oposición social ós proxectos mineiros destrutivos”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

A Cámara Mineira, organismo que representa á patronal do sector extractivo e “que nos últimos dez anos recibiu axudas da Xunta de Galicia por valor de medio millón de euros”, xa se ten posicionado, segundo a plataforma contraria á mina de Touro, a favor do proxecto de Cobre San Rafael nun artigo asinado polo seu Director, Diego López.

Verteduras na balsa de Bama
Verteduras na balsa de Bama | Fonte: Plataforma Veciñal

A mesma Cámara Mineira presentou a nova marca “Minería Sostible de Galicia” este pasado martes. Durante o acto, Diego López cualificou como “bulos” os argumentos contrarios á actividade mineira en Galicia. Desde a Plataforma contra a mina de Touro apuntan que “cómpre lembrar que, no caso do Proxecto Touro, ata agora manifestaron a súa oposición 42 concellos, 2 deputacións provinciais, o ICOMOS, organismo asesor da UNESCO en materia de conservación do patrimonio, e máis de 2500 persoas que rexistraron alegacións ante a Xunta de Galicia”.

Segundo apunta a Plataforma nunha nota de prensa, Diego López tamén falou de ““entes interesados”, que non son outra cousa que veciñas e veciños afectados por unha mineira que vén ocupar as súas terras e danar os seus medios de vida”. Porque, “das case 700 hectáreas que abarca o proxecto, a metade da superficie son terreos pertencentes ós veciños, non son de titularidade de Cobre San Rafael, polo que terían que ser expropiados”.

Ao acto da Cámara de Minería acudiu tamén o conselleiro Francisco Conde, “pese a afirmar no pasado mes de xullo que o Proxecto Touro non era viable”. A presenza do titular de Economía e Industria da Xunta “parece pór de manifesto que, para a Xunta de Galicia, priman os beneficios económicos das empresas do sector mineiro fronte á cidadanía e os sectores productivos”. No acto de presentación tamén estivo presente Pablo Núñez, delegado do Colexio Oficial de Xeólogos, Coordinador do Comité de Información da Cámara Oficial Mineira de Galicia e “xeólogo de Cobre San Rafael”.

Para a Plataforma contraria á mina “resultan sospeitosos e alarmantes os pasos que está a dar a Xunta de Galicia en relación a este sector”. Neste sentido aputna a “aprobación da coñecida como Lei de Depredación de Galicia, que supón máis facilidades para as empresas e menos controis dos proxectos mineiros, e a arenga constante de que a Administración aposta por unha minería respectuosa co medio ambiente e compatible co rural galego”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta