Dez especies de formigas novas para Galicia

Até o de agora había publicadas citas en Galicia para 92 especies. O biólogo Fede García García presenta dez novas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/02/2019 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Galicia alberga dez novas especies de formigas nunca antes documentadas pola ciencia aquí. O biólogo Fede García García presenta as primeiras citas galegas para as especies Goniomma hispanicum, Hypoponera punctatissima, Iberoformica subrufa, Myrmica karavajevi, Myrmica spinosior, Myrmica xavieri, Plagiolepis taurica, Stenamma debile, Temnothorax aveli e Tetramorium alpestre.

Formiga da especie Goniomma hispanicum
Formiga da especie Goniomma hispanicum | Fonte: www.hormigas.org.

O científico destaca a presenza de M. karavajevi, por ser a segunda cita ibérica para este parasito social e atoparse infestada polo raro fungo parasito Hormiscium myrmecophilum.

Até o de agora había publicadas citas en Galicia para 92 especies.

AS NOVAS ESPECIES

A Goniomma hispanicum é unha granívora de pequeno tamaño e costumes discretos, con ollos característicos en forma de bágoa invertida. Trátase dunha especie distribuída en numerosas localidades ibéricas, aínda que no norte émáis rara. Atopouse en Montefurado, Quiroga (Lugo). Non se atopou ningún niño, só obreiras illadas.

A Hypoponera punctatissima é unha specie exótica amplamente distribuída mundialmente En Galicia foi atopada unha raíña sen ás, baixo pedra, no Mesón da Cabra, Guitiriz (Lugo).

A Iberoformica subrufa está amplamente distribuído por grande parte da Península Ibérica. No noroeste é máis escasa, habendo até agora citas na provincia de León poucas e illadas. En Galicia foi identificada en Montefurado, Quiroga (Lugo).

A Myrmica karavajevi é un parasito social amplamente distribuído por Eurasia, sen ser abundante en ningures. Na Península Ibérica coñécese no País Vasco. En Galicia foi identificada en Penedos, Abadín (Lugo).

A Myrmica spinosior é a máis común do xénero Myrmica na maior parte da Península. En Galicia foi localizada en Baltar (Ourense). 

A Myrmica xavieri distribúese por diversos sistemas montañosos da Península, como o Sistema Ibérico, Sistema Central e o Cantábrico. A primeira cita en Galicia foi en Formigueiros, Folgoso do Courel (Lugo). 

A Plagiolepis taurica é unha formiga de moi pequeno tamaño, sendo común en ambientes mediterráneos. En Galicia foi identificada en Doade, Sober (Lugo).

A Stenamma debile é unha especie distribuida por toda Europa. En Galicia foi localizada en Rego Seco, A Pastoriza (Lugo).

A Temnothorax aveli é frecuente en boa parte da Península Ibérica. En Galicia foi documentada por primeira vez en Baltar.

A Tetramorium alpestre é unha especie de altitude, distribuída polos sistemas montañosos do sur europeo, incluíndo a Península Ibérica. A primeira cita en Galicia atópase na Campa das Ovellas, Cervantes (Lugo) e Cabeza de Manzaneda (Ourense). 

As nova citas publicáronse na revista científica Arquivos Etimolóxicos, nun estudo titulado 'Dez especies de formigas (Hymenoptera: Formicidae) novas para Galicia (NO Península Ibérica)'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta