O BNG cre que a "esquerda española" marca "o terreo á dereita" ao culpar o nacionalismo do adianto electoral

Pontón sinala que a convocatoria de comicios xerais non se debe ao fracaso dos PGE, senón aos "cálculos electoralistas" do PSOE. Con todo, ve estas posibles eleccións como unha "oportunidade" para que "os galegos volvan ter voz" no Parlamento

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou a actitude da "esquerda española" porque marca "o terreo á dereita" ao culpar ao nacionalismo do posible adianto das eleccións xerais. En caso de confirmarse, Pontón non cre que sexa consecuencia do fracaso na tramitación das contas estatais, senón froito dos "cálculos electoralistas" do Partido Socialista.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón

Pontón, a preguntas dos medios durante un acto con mulleres do Bloque, destacou que as eleccións "non son unha ameaza, son unha oportunidade" e mostrou a súa confianza en que a formación frontista recupere a súa presenza en Madrid para que "os galegos volvan ter voz" nas Cortes.

Para a líder nacionalista, a presente é "unha lexislatura perdida" para Galicia porque "as forzas estatais pasaron  olímpicamente dos dereitos dos galegos", como evidencia, segundo Pontón, o debate sobre as emendas á totalidade dos  PGE no que "ningún grupo defendeu ningunha iniciativa para que os intereses de Galicia se fixesen valer".

"Cando o BNG estaba, isto non pasaba", engadiu despois de  desligar a crise interna de En Marea como posible caladoiro de votos para recuperar presenza no Congreso dos Deputados. "O BNG non depende dos problemas doutras forzas", remarcou.

CRÍTICAS AO GOBERNO

Así mesmo, teorizou con que o Goberno de Pedro Sánchez emprega como "escusa" o fracaso da tramitación das contas para convocar eleccións con base en "cálculos electoralistas". "A causa de que se convoquen eleccións non é que os orzamentos caian", incidiu, para, a continuación, lembrar que Mariano Rajoy gobernou cos orzamentos prorrogados durante "tres anos".

Por iso, cre que a "esquerda española" busca "a quen botarlle a culpa" e que, responsabilizando ao nacionalismo do fin da lexislatura, "marca o terreo de xogo á dereita".

Con todo, Ana Pontón non dá por sentado que o Goberno central vaia convocar eleccións de maneira inminente, xa que desconfía dos xiros que, segundo a nacionalista, caracterizan a Pedro Sánchez. "Mañá igual cambia de opinión outra vez", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta