ContraMINAcción alerta: o 10% das explotacións mineiras en activo de España están en Galicia

Nun encontro entre distintas plataformas, criticaron que os gobernos se poñan do lado dos intereses das empresas nun momento que calificaron de "boom" da minaría global

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O 10% das explotacións mineiras en activo en España, ao redor de 3.600, están en Galicia, que conta con 360 na actualidade. Así se puxo de manifesto no IV Encontro de ContraMINAcción, desenvolvido en Santiago de Compostela con colectivos galegos e do resto de España e de Portugal.

O encontro estivo organizado pola Rede contra a Minaría Destrutiva en Galicia, que integra a entidades contra as minas de Terra Chá, a Plataforma Mina Touro-O Pino Non ou algunhas pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, entre outras. Á cita acudiron organizacións e plataformas de Cartagena, Salamanca, Cáceres, Ávila, Zamora, Asturias, Sevilla e de Boticas (Portugal).

Os participantes alertaron do "boom" da minaría a nivel global, coa "multiplicación exponencial de solicitudes de prospección e extracción", derivada do "incremento imparable do consumo" mundial.

No encontro advertiuse de que, nalgúns casos, as empresas mineiras "explotan xacementos cada vez máis dispersos que precisan de métodos de extracción máis agresivos" e, noutros, conseguen concesións "só para especular".

Ante o que cualifican como "ameaza global" a outras actividades económicas como a agrogandeira e á saúde das persoas, acusan os gobernos -de "esquerdas ou de dereitas"- de poñerse ao lado dos intereses das empresas mineiras.

Neste contexto, o Encontro celebrado en Santiago expúxose como unha primeira toma de contacto para que os distintos colectivos colaboren para "plantar cara" a unha "actividade absolutamente insustentable".

Participaron a Asociación de afectados por metais pesados (Cartagena), Coordinadora Non á Mina de Uranio (Salamanca), La Raya sin Minas (Valencia de Alcántara, Cáceres), No a la Mina en el Valle del Corneja (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Ávila (Ávila),No a la Mina en la Sierra de Yemas (Ávila), No en mi Tierra (Zamora), Oro No (Asturias), Plataforma Ciudadana Sierra de Moron (Sevilla), Plataforma Sierra de Gata Viva (Cáceres), Salvemos la Montaña (Cáceres), Salvemos las Villuercas (Cáceres) e Unidos em Defesa de Covas do Barroso UDCB (Portugal).

Encontro ContraMINAcción celebrado en Santiago de Compostela. REDE CONTRA A MINARÍA DESTRUTIVA EN GALICIA
Encontro ContraMINAcción celebrado en Santiago de Compostela. REDE CONTRA A MINARÍA DESTRUTIVA EN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta